O obxectivo principal da guía didáctica é que o alumnado de ESO e Bacharelato "coñeza, comprenda e avalíe a importancia da propiedade colectiva que representan os Montes Veciñais en Man Común"
A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) vén de presentar unha guía didáctica titulada “As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común” (que se pode descargar de balde neste enlace) co fin de amosar o funcionamento das comunidades de montes á mocidade en idade escolar. A guía foi elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO) por encargo da ORGACCMM e se distribuirá polos colexios e institutos galegos como libro guía para o profesorado e alumnado.
O obxectivo principal da guía didáctica é que o alumnado de ESO e Bacharelato "coñeza, comprenda e avalíe a importancia da propiedade colectiva que representan os Montes Veciñais en Man Común". O documento pretende recoñecer os valores que representan e dar a coñecer o traballo e a xestión comunitaria da terra baseada no funcionamento democrático e asembleario das comunidades de montes.
A Organización Galega de Comunidades de Montes subliña que "o que se descoñece non se pode apreciar e valorar, polo tanto, moito menos defender". É por isto que con esta guía quérese contribuír a "corrixir este descoñecemento"
A ORGACCMM chama a atención sobre o feito de que as comunidades de montes e a figura da propiedade comunal son neste momento pouco ou nada coñecidas pola maior parte do alumnado dos centros de ensino secundario, debido a que estas temáticas non adoitan formar parte dos temarios e das programacións de ningunha materia.
"O Monte Veciñal en Man Común é un referente do traballo comunitario, da nosa historia pasada, que se mantén vivo, formando parte do presente da sociedade galega, certo é, que moi pouco ou nada difundido, polo que sería importante comprometer o seu coñecemento e defensa, para que as actuais e novas xeracións asuman unha herdanza que foi transmitida de nais e pais a fillos e fillas o longo dos séculos, moi ligada a sociedade rural pero que tivo, ten e terá, unha grande incidencia na poboación urbana e na súa calidade de vida", sinala a entidade.
"O Monte Veciñal en Man Común é un referente do traballo comunitario, da nosa historia pasada, que se mantén vivo, formando parte do presente da sociedade galega, certo é, que moi pouco ou nada difundido, polo que sería importante comprometer o seu coñecemento e defensa", di a entidade
"O futuro dunha sociedade xusta debería de construírse entre outras cuestións importantes, fomentando nas persoas valores como a solidariedade, actitudes cooperativas, compartir espazos en común, aproveitando que aínda temos na memoria, no legado e na actualidade, formas de traballo colectivo que se manteñen dende o pasado e que non deberíamos esquecer, adaptando as formas as necesidades do presente e futuro, sendo en moitos casos unha sinal de identidade, polo que deberíamos respectalo como parte do noso patrimonio social e cultural", engade.
A guía busca solventar esta carencia, achegando en pouco máis de corenta páxinas unha información resumida sobre a orixe e a historia recente desta figura de propiedade, sobre o funcionamento interno das comunidades de montes, a súa importancia económica e social e tamén a súa importancia para a loita contra o cambio climático e para a protección do patrimonio natural. Tamén se chama a atención sobre as principais ameazas que neste momento pairan sobre as comunidades de montes.
A guía achega información sobre a orixe e a historia, o funcionamento interno das comunidades e a súa importancia económica, medioambiental e social
A Organización Galega de Comunidades de Montes subliña que "o que se descoñece non se pode apreciar e valorar, polo tanto, moito menos defender". É por isto que con esta guía quérese contribuír a "corrixir este descoñecemento". E lembra que "a súa condición de propiedade comunal e a súa xestión asamblearia converte os montes veciñais nun referente para construir unha sociedade máis solidaria e cooperativa".