Mazaricos, capital da loita comuneira 59 anos despois da morte dun veciño por defender o monte ante a Garda Civil

Monumento dedicado á loita comuneira no monte veciñal de Eirón, en Mazaricos © Concello de Mazaricos

O 22 de xaneiro de 1963 Xosé Esperante, Che de Pedro, un veciño da parroquia de Eirón, en Mazaricos, morreu durante un enfrontamento coa Garda Civil no contexto da defensa das terras comunitarias por parte da veciñanza

O 22 de xaneiro de 1963 Xosé Esperante, Che de Pedro, un veciño da parroquia de Eirón, en Mazaricos, morreu durante un enfrontamento coa Garda Civil no contexto da defensa das terras comunitarias por parte da veciñanza. Ese día un grupo de comuneiros tentaron impedir que as maquinas do Patrimonio Forestal Español entrasen no seu monte veciñal co obxectivo de expulsar o gando e proceder a facer unha plantación de eucaliptos.

Este sábado 22 de xaneiro, 59 anos despois daqueles feitos, Mazaricos acollerá a celebración do primeiro Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal. A data institúese como recoñecemento do papel que moitos homes e mulleres desenvolveron ao longo da historia na defensa da propiedade comunitaria, dos montes veciñais en man común dende hai xeracións. E, en especial, quere servir de homenaxe a Xosé Esperante, Che de Pedro. Á actividade están convidadas tódalas comunidades de montes de Galicia. 

Cartel de celebración do do primeiro Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal © INGATECO

Ese día un grupo de comuneiros tentaron impedir que as maquinas do Patrimonio Forestal Español entrasen no seu monte veciñal co obxectivo de expulsar o gando e proceder a facer unha plantación de eucaliptos.

Os actos comezarán ás 11 horas no Salón de Actos da Casa de Cultura da Picota (Mazaricos), coa recepción por parte do alcalde, Juan Blanco e a intervención do presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Xosé Alfredo Pereira. Ademais, presentarase a Unidade Didáctica “Terras comunitarias/Montes veciñais”, realizada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO).

A continuación, as persoas participantes desprazaranse ata o monumento conmemorativo situado no monte veciñal de Eirón, onde a partir das 13 horas terá lugar unha ofrenda floral, coa lectura dun manifesto e a interpretación do Himno Galego. 

A data institúese como recoñecemento do papel que moitos homes e mulleres desenvolveron ao longo da historia na defensa da propiedade comunitaria, dos montes veciñais en man común dende hai xeracións

A iniciativa desta celebración partiu do INGATECO, asociación creada recentemente e que está traballando na recuperación e defusión das diferentes formas de xestión comunitaria. A escolla de Mazaricos e dos feitos que tiveron lugar o 22 de xaneiro de 1963 tivo lugar no marco do V Congreso Galego de Comunidades de Montes, promovido pola ORGACCMM, onde se considerou que aquel enfrontamento "é representativo do acontecido noutras comarcas e perfectamente pode simbolizar nesa data unha referencia". 

INGATECO considera que "institucionalizar esta data sinalada será da máxima importancia" e denuncia que "os ataques a titularidade xermánica que representan os montes veciñáis en man común, como figura ligada á nosa terra e unha característica propia do país, non cesaron, estando en loita constante ata o día de hoxe, con intentos continuos de usurpación".

Andaina polo monte comunal de Tameiga © Plataforma Auga é Vida

Décadas de usurpación dos montes comunais

A Lei de Montes de 1957 consagrou a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal

Os montes comunais ocupan unha superficie moi importante en Galicia, unhas 700 mil hectáreas, ao redor da cuarta parte da extensión total do país. Porén, décadas atrás o espazo representado polos montes veciñais en man común era aínda máis importante. Dende o século XVIII os montes veciñais en man común sufriron unha grande indefensión legal, que fixo que a súa superficie total se fose reducido.

O proceso de apropiación acelerouse durante o franquismo, mesmo cunha base legal. A Lei de Montes de 1957 consagrou a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal. Deste xeito, as parcelas periurbanas de cidades e vilas fóronlles cedidas entre os anos 40 e 70 ás distintas administracións para instalacións, edificios e equipamento educativos e sanitarios, para usos industriais, militares ou comerciais. Unha parte foi ocupada, igualmente, por empresas públicas hoxe privatizadas.

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñeceulles finalmente a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais. Porén, na década dos 70 o roubo de terras mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas

A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1968 recoñeceulles finalmente a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais aos habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales, para o cal estableceu a creación nas catro provincias galegas dos xurados clasificadores. Porén, ao longo da década dos 70 o roubo de terras continuou e mesmo se acelerou, coincidindo cunha fase de crecemento das cidades e vilas galegas. As administracións seguiron dispoñendo dos montes veciñais coma se fosen propios. É nestes anos, sobre todo despois de 1977, cando se producen intensas mobilizacións dos veciños en defensa dos montes comunais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.