Unha manifestación denuncia en Compostela a "privatización" do monte comunal por parte da Xunta

A cabeceira da manifestación, á súa chegada á Praza da Quintana © Ecoloxistas en Acción

A manifestación serviu para denunciar a política forestal levada a cabo pola Xunta e para apoiar o proxecto de lei de montes veciñais contido na Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola ORGACCMM

Unha manifestación percorreu este sábado as rúas de Compostela en defensa dos montes veciñais, nunha marcha convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e apoiada por entidades ecoloxistas, veciñais, sindicais e políticas. A manifestación serviu para denunciar a política forestal levada a cabo pola Xunta e para apoiar o proxecto de lei de montes veciñais contido na Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola ORGACCMM

A iniciativa lexislativa ten por obxectivo preservar o carácter comunal e intransferible dos montes veciñais e que se recoñeza a propiedade comunal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. Outra reivindicación que recolle a iniciativa lexislativa é a declaración dos montes veciñais como unha figura de protección medio ambiental e cultural en si mesma. 

A manifestación, na Praza da Quintana © Ecoloxistas en Acción

A protesta, poiada por entidades ecoloxistas, veciñais, sindicais e políticas, estivo marcada pola chuvia que non deixou de caer ao longo da maña en Santiago 

A protesta estivo marcada pola chuvia que non deixou de caer ao longo da maña en Santiago e da que os participantes, chegados de distintos puntos de Galicia (partiron autobuses gratuítos dende Mos, O Morrazo, O Baixo Miño ou O Val Miñor) se protexeron con paraugas, presentes en todo o percorrido.

A marcha partiu da Estación de Tren e percorreu as rúas de Compostela ata chegar á Praza da Quintana con faixas nas que se podía ler "En defensa do monte veciñal", "Por unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega", "Defendamos o monte en man común", "Non á privatización do monte veciñal" ou "Por un monte galego con futuro. Non ao plan forestal do PP". Na manifestación tamén participaron traballadores do servizo de prevención e extinción dos incendios foretais, que reclamaron estabilidade laboral e "traballo todo o ano".

A ORGACCMM denuncia que as medidas presentadas polo PP supoñen a privatización dos montes veciñais. A entidade propón que se algún monte carece de poboación suficiente para xestionalo se traspase temporalmente a súa xestión á unha comunidade de montes anexa

A ORGACCMM denuncia que varias das propostas e medidas presentadas polo PP supoñen a privatización dos montes veciñais. A entidade propón que se algún monte veciñal carece de poboación suficiente para xestionalo se traspase temporalmente a súa xestión á unha comunidade de montes anexa "e non se entregue sen máis a unha empresa madeireira por 50 anos como pretende o Partido Popular nas súas modificacións lexislativas". "Levamos anos denunciando que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diverso índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…) poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais", sinalaba este verán Xosé Pereira, presidente da organización.

A cabeceira da manifestación en defensa dos montes comunais © Ecoloxistas en Acción

"Levamos anos denunciando que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diverso índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…) poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais"

As comunidades de montes galegas, aseguran desde a ORGACCMM, son as primeiras valedoras dun monte funcional e unha silvicultura sustentábel. Subliñan a importancia das comunidades de montes como dinamizadoras do rural pola súa xestión democrática dos recursos. A ILP que impulsa a entidade busca "camiñar cara un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e do pobo  galego no seu conxunto" e, neste senso, "impedir que estas terras comunitarias poidan ser expropiadas para que multinacionais de diversa índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras ...) poidan facerse, para o seu beneficio, coa titularidade e cos recursos das mesmas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.