O castiñeiro europeo gosta de climas temperados, frescos e húmidos. É por isto que a actual suba das temperaturas medias, provocada polo cambio climático, está a afectar negativamente a esta especie
Nalgúns lugares cóntase que foron os romanos quen trouxeron o castiñeiro ao actual territorio de Galicia. E aínda que isto non é a así -hai mostras da presenza desta árbore no noroeste da Península dende hai cando menos doce mil anos-, si é certo que a romanización estendeu a especie, que se plantou en máis lugares, nunha práctica continuada na Idade Media, dando lugar aos fermosos soutos dos que gozamos na actualidade e ao seu valioso froito, a castaña, que durante séculos allimentou a poboación e que hoxe segue a ser fundamental.
O castiñeiro europeo (Castanea sativa Mill.) gosta de climas temperados, frescos e húmidos e aínda que pode medrar a nivel do mar prefire crecer entre os 500 e 1.200 metros de altitude. É por isto que a actual suba das temperaturas medias, provocada polo cambio climático, está a afectar negativamente a esta especie tan representativa de Galicia que, por exemplo, produce o 60% da castaña de todo o Estado español.
Un estudo no que participa persoal investigador da Universidade de Santiago anticipa unha tendencia á redución da idoneidade do hábitat do castiñeiro na Península Ibérica, sobre todo nas rexións mediterráneas, pero tamén en Galicia
Un estudo publicado na revista Frontiers in Forests and Global Change e no que participa persoal investigador da Universidade de Santiago (USC), da Universidade de Oviedo, do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade, da Universidade de Granada e a Fundación Oso Pardo avaliou a idoneidade do hábitat do castiñeiro ata o ano 2100 baixo diferentes escenarios climáticos. Os resultados anticipan unha tendencia á redución da idoneidade do hábitat, con perdas máis pronunciadas nas rexións mediterráneas, mentres que as zonas atlánticas presentan unha maior resiliencia.
Porén, tamén en Galicia prevese que o castiñeiro sofra os efectos da suba das temperaturas e da redución da pluviosidade, buscando zonas máis elevadas e frescas e limitando a súa presenza en espazos máis baixos e cálidos, que actualmente ocupa.
“Estimamos que o castiñeiro experimentará un desprazamento altitudinal duns 60 metros de media, migrando cara a zonas máis elevadas onde as condicións ambientais sexan máis favorables”
O equipo investigador subliña que o hábitat idóneo do castiñeiro está estreitamente vinculado a rexións húmidas, con precipitacións anuais superiores a 800 litros por metro cadrado e temperaturas medias entre 10 e 15 graos centígrados. “As proxeccións climáticas do noso estudo indican que o hábitat idóneo para o castiñeiro sufrirá unha redución progresiva nas próximas décadas, especialmente nas rexións mediterráneas, onde o aumento de temperaturas e a diminución de precipitacións limitarán a súa capacidade de supervivencia”, sinalan.

Ante esta situación, o equipo investigador destaca a necesidade de dispoñer de estratexias de mitigación activas, co obxectivo de conservar a especie e promover a súa sustentabilidade a longo prazo
Os autores do estudo explican que as rexións atlánticas, con maiores niveis de humidade, mostran unha maior resiliencia fronte ao cambio climático, "aínda que o castiñeiro podería verse afectado pola competencia con outras especies máis adaptadas ás novas condicións”, engaden. Como consecuencia, “estimamos que o castiñeiro experimentará un desprazamento altitudinal duns 60 metros de media, migrando cara a zonas máis elevadas onde as condicións ambientais sexan máis favorables”, destacan.
Ante esta situación, o equipo investigador destaca a necesidade de dispoñer de estratexias de mitigación activas, co obxectivo de conservar a especie e promover a súa sustentabilidade a longo prazo. O seu declive podería xerar cambios na composición dos bosques e na dispoñibilidade de hábitats para diversas especies, o que afectaría tanto á flora como á fauna dependente destes ecosistemas.
Recoméndase a selección de variedades máis resistentes á seca e a temperaturas extremas, o manexo eficiente da auga en plantacións agroforestais, e a restauración de ecosistemas degradados
Emilio Díaz Varela, profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do grupo de investigación COMPASSES, indica que “estas variacións na distribución óptima do castiñeiro subliñan a necesidade de adoptar un cambio nos enfoques da xestión forestal, da paisaxe e do territorio, fronte a unha situación na que a supervivencia da especie precisará da comprensión das súas dinámicas de adaptación e evolución en escenarios climáticos cambiantes”.
“Será necesario mellorar a coordinación para afrontar os retos asociados a unha elevada diversidade de situacións para a conservación do castiñeiro fronte á incerteza climática"
Entre as principais medidas recomendadas atópanse a selección xenética de variedades máis resistentes á seca e a temperaturas extremas, o manexo eficiente da auga en plantacións agroforestais, e a restauración de ecosistemas forestais degradados. “Será necesario mellorar a capacidade de coordinación entre diferentes organismos, institucións e sectores da sociedade para afrontar os retos asociados a unha elevada diversidade de situacións para a conservación do castiñeiro fronte á incerteza climática”, sinala o profesor do Campus Terra da USC.