Galicia, terras de castañas. Dicían antes que os castiñeiros foran traídos polos romanos, que usaban a súa madeira e comían os seus froitos. Pero este axioma popular foi abatido por estudos científicos que aseguran que os castiñeiros xa estaban estre nós cando Décimo Xuño Bruto, o Galaico, cruzou o rio Limia e conquistou a Gallaecia.
Alí, no día de Defuntos, vivía eu un dos momentos máis felices da miña infancia polo colar de zonchos, de castañas cocidas con pel, que a miña nai confeccionaba
Sexa ou non certa aquela crenza, por fas ou nefas as castañas chegan en setembro e viven o seu apoxeo nos meses seguintes, co Defuntos e o San Martiño. Porque son un froito estacional -rutina solar coa que aínda non acabou esa globalización que permite consumir tomates en febreiro- e que nos leva a evocar o outono e a chegada dos primeiros fríos. Alí, no día de Defuntos, vivía eu un dos momentos máis felices da miña infancia. Non o digo, claro está, pola obrigada visita ao cemiterio, onde miña nai dirixía as oracións en recordo dos nosos familiares ali enterrados. E iso que falo do fermoso cemiterio de Ortigueira, situado nun extremo da vila, no alto dun pequeno promontorio, a punta de Requeixo, rodeado case por enteiro polas augas mansas da ría ortegana. Un cemiterio luminoso, si, que recomendo visitar, e que está presidido polo mausoleo masónico de Fidel Villasuso, un acaudalado indiano fundador do Banco Hispano Americano.
A miña ledicia viña, aclaro, polo colar de zonchos, de castañas cocidas con pel, que a miña nai confeccionaba, e co que eu, fachendoso, acudía á escola e á misa dos nenos na máis tenra infancia. Tería que preguntarlle á miña amiga Ana Durán Penabad, da Sociedade Antropolóxica Galega, pola orixe e significado deste rito, presente sobre todo no norte de Galicia, e que me nego a crer que sexa só un costume gastronómico. Polas lembranzas daquela felicidade efémera -o colar ou rosario de zonchos só duraba un día, máximo dous- sempre fun máis de zonchos que de magostos, das castañas asadas ou bullós, como lle chaman en Valdeorras e no Bierzo, aínda que todas son tradicións por min amadas.
Os zonchos contan cun bautismo literario moi ilustre, pois aparecen no primeiro poema dos Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro:
«Has de cantar/ que che hei de dar zonchos;
has de cantar,/ que che hei de dar moitos»
Dos zonchos creo lembrar que falaba tamén o escritor Manuel López Foxo, nun volume, O país de nós, editado en novembro de 1991 na mítica imprenta que na capital do Ortegal dirixía David Fojo, mestre de xornalistas e cumprido mecenas editorial. Era a recompilación dunha serie de artigos aparecidos previamente no semanario La Voz de Ortigueira e cuxo autor era un mozo que despuntaba no ámbito político, pero tamén no literario, convertido hoxe nun poeta recoñecido e nun exquisito crítico literario. Naquel libro, un canto á nostalxia, e hoxe inencontrable, falaba das saborosas mazás de ollo, dos colares de zonchos e dos queixos frescos ofrecidos en follas de berza polas paisanas.
Tempos idos -case- neste presente cibernético e instagrámico.