A plantación de árbores autóctonas para previr incendios en Ames, modelo europeo de loita contra o lume

Plantación de árbores frondosas caducifolias en Ames para previr incendios © Concello de Ames

O plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de árbores autóctonas foi validado polo Interreg Europe como unha Boa Práctica e foi publicado na Interreg Europe Policy Learning Platform para que sirva como modelo noutros países

No ano 2017 o Concello de Ames comezou a plantar milleiros de árbores frondosas caducifolias -castiñeiros, abeleiras, nogueiras, cerdeiras...-  co obxectivo de previr a estensión dos incendios forestais. O obxectivo desta iniciativa era "repoboar as faixas secundarias de xestión de biomasa con especies que arden menos, frondosas caducifolias, para reforzar a prevención", en palabras de Javier García, daquela concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. A acción, que se repetiu en anos seguintes, enmarcábase dentro do seu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, que vén de ser recoñecido como modelo europeo, de cara á súa aplicación noutros países da UE.

O plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de árbores autóctonas foi validado polo Interreg Europe como unha Boa Práctica e foi publicado na Interreg Europe Policy Learning Platform para que sirva como modelo noutros países. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, presentara o plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias como Boa Práctica no 1º Seminario temático internacional do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT).

En 2017 Ames comezou a plantar milleiros de árbores frondosas caducifolias -castiñeiros, abeleiras, nogueiras, cerdeiras...-  para previr a estensión dos incendios forestais

A iniciativa, que naceu como un proxecto piloto e agora xa é unha política plenamente consolidada, buscaba poñer en mans dos veciños unha ferramenta que lles permitise repoboar a súas fincas colaborando ao tempo coa prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade. Actualmente, estase executando a sétima fase de dito plan no ámbito 34 de Cruxeiras, que afecta a 350 parcelas. A superficie destas parcelas ascende a 66,07 hectáreas.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “Ames conta dende hai sete anos cun plan de prevención e defensa contra lumes forestais, baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, o Concello busca, ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención”.

Plantación de árbores frondosas caducifolias en Ames para previr incendios © Concello de Ames

O Concello busca "ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención”

Pola súa banda, o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, destacou que “é un logro moi importante conseguir validar e publicar o noso plan de prevención de incendios forestais en Interreg Europe Policy Learning Platform porque vai a servir como modelo para outros países europeos. É un recoñecemento ao traballo que se leva facendo dende 2017 a través de dito plan e que sobre todo pon o foco nas actuacións de prevención”.

Dende o ano 2017 plantáronse xa preto de seis mil árbores autóctonas caducifolias a través desta iniciativa

A Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece as redes de faixas secundarias de xestión de biomasa como unha das medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume. Ames conta cun total de 1.372 hectáreas onde, segundo a normativa vixente é obrigado que se cumpran os criterios de xestión da biomasa e en máis da metade deixar libre das especies pirófitas da disposición transitoria terceira. 

Plantación de árbores frondosas caducifolias en Ames para previr incendios © Concello de Ames

Ames prioriza o fomento de plantación de ameneiros, pradairos, bidueiros, freixos, castaños, cerdeiras, carballos, sobreiras, aciñeiras, abeleiras, faias, umeiros, loureiros, sorbas, noceiras ou érbedos, naquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto

O Concello de Ames prioriza o fomento de plantación de frondosas caducifolias, entre as que destacan ameneiros, pradairos, bidueiros, freixos, castaños, cerdeiras, carballos, sobreiras, aciñeiras, abeleiras, faias, umeiros, loureiros, sorbas, noceiras ou érbedos, naquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto.

Este plan municipal foi medrando grazas a concienciación da veciñanza e a súa participación. Lévase a cabo a través dun sistema mediante o que se subvenciona por parte do Concello de Ames o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias. Os propietarios/as das faixas teñen que achegar o 20% restante. Dende o ano 2017 plantáronse xa preto de seis mil árbores autóctonas caducifolias a través desta iniciativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.