Ames planta mil árbores 'bombeiras' para frear os incendios

O proxecto inclúe a plantación de castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras © Concello de Ames

Nas últimas semanas falouse moito das "árbores bombeiras", á raíz do incendio de Pedrógão Grande e dalgunhas imaxes moi viralizadas a través das redes sociais nas que se podía ver como determinadas especies arbóreas autóctonas -castiñeiros, carballos, sabugueiros, oliveiras...- salvaran da queima, protexendo ademais unha quinta á que rodeaban. Non era nada novo, só a constatación de que certas árbores tardan máis en arder e non favorecen a extensión dos incendios, a diferenza de especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro.

O proxecto piloto inclúe a plantación de 1000 castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras

O Concello de Ames iniciou o pasado inverno, dentro do seu plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, un proxecto piloto que inclúe a plantación de 1000 castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras en 37 leiras da parroquia de Piñeiro que abranguen unha superficie de arredor de dúas hectáreas. "O obxectivo é repoboar as faixas secundarias de xestión de biomasa con especies que arden menos, frondosas caducifolias, para reforzar a prevención", destaca Javier García, concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Polo de agora plantáronse xa 654 árbores en 23 leiras que abranguen uns 10.100 metros cadrados e tralo verán completarase a primeira parte deste proxecto piloto coa plantación das restantes.

A iniciativa levouse a cabo tras asinar convenios cos propietarios e propietarias dos terreos para a xestión, roza e repoboación, no marco do plan de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación. A intención do concello é que o proxecto se estenda nos vindeiros anos ao resto do termo municipal, incrementando así a protección contra o lume. "Trátase dun proxecto pioneiro", destaca Javier García, que salienta "Ames é un dos poucos concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención, dando valor ao monte".

"Somos un dos poucos concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención", salienta Javier García

Ames sufriu nos últimos anos importantes incendios, moi perigosos sobre todo ao tratarse dun municipio con importantes masas forestais e ao mesmo tempo moi poboado e con asentamentos moi diseminados, polo que o lume en moitas ocasións se achegou vivendas e núcleos. De feito, como detallou a investigación España en Llamas da Fundación Civio, entre os anos 2001 e 2014 Ames sufriu 389 incendios de máis dunha hectárea, que arrasaron 1.110 hectáreas de terreo, sendo o 67º concello galego con máis incendios importantes e o 94º no conxunto de España.

O plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais do Concello de Ames inclúe un continuado traballo de prevención durante todo o ano, especialmente durante o inverno. “Temos que reforzar o traballo preventivo xa que é fundamental para evitar os lumes no monte durante a época estival”, salienta a este respecto o alcalde, José Miñones. O Goberno municipal contratou unha brigada de prevención e extinción, formada por un xefe de brigada e catro peóns, que traballarán baixo as ordes do Distrito 3 no caso de que haxa algún lume. E cando non haxa incendios forestais este grupo de traballo realizará tarefas de prevención.

Paralelamente, o Concello tamén se acolle á subvención da Consellería de Medio Rural, que financia durante a época previa ao alto risco unhas limpezas mediante un tractor mecanizado que está operativo nestes momentos. Ademais, o Concello de Ames acordou a contratación dos servizos dun tractor forestal e tractorista con cisterna e lanzadeira anti-incendios con dispoñibilidade para os días de alto perigo de incendios forestais.

 

Javier García, concelleiro de Medio Ambiente © Concello de Ames
O proxecto iniciouse na parroquia de Piñeiro © Google Maps
Para levalo a cabo o concello chegou a acordos cos propietarios de 37 fincas © Concello de Ames
Unha imaxe dos traballos de prevención © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.