O Consello de Contas puxo as fundacións sanitarias implantadas en Galicia hai tres décadas como exemplo de mala xestión, o que non impediu que se contemplasen na lei estatal de 1997 impulsada por Romay e Feijóo que agora se quere “revisar”
“Avanzaremos na blindaxe do noso sistema público de saúde, apostando por unha sanidade que se basee na xestión pública directa. Para iso, revisarase a Lei 15/1997, de habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde e o conxunto de mecanismos normativos que abren a porta a privatizacións do sistema”. Ese é o punto 2.2.3 do programa de goberno asinado este luns entre PSOE e Unidas Podemos, un punto que pon o foco nunha lei impulsada durante o primeiro Goberno de José María Aznar polos seus dous máximos responsables sanitarios, o ministro José Manuel Romay Beccaría e o presidente do Insalud, Alberto Núñez Feijóo. Con ela elevaban a rango de lei diversas medidas que xa experimentaran previamente os dous desde a Xunta como as fundacións hospitalarias, unha das cales, a de Verín, cuxo hospital volve estar hoxe no centro da polémica, foi exemplo de mala xestión.
Á espera de que o novo Goberno concrete en que consiste esa “revisión” da lei de 1997, aquela norma segue a amparar máis de dúas décadas despois a xestións dos hospitais públicos “a través de entes interpostos dotados de personalidade xurídica, tales como empresas públicas, consorcios ou fundacións”. O propio Feijóo, daquela como presidente do Insalud, defendía en primeira persoa ese modelo, como nun artigo publicado en El País no que aseguraba que buscaba “fórmulas eficaces para xestionar o público” xa que ao seu ver “o actual sistema de xestión sanitaria está atrofiado”.
O ente fiscalizador considerou que a fundación do hospital de Verín creada en 1993 servía para "trasladar funcións propias da Administración, substraendo fondos públicos e bens de dominio público para poñelos á disposición dunha entidade privada"
Porén, para daquela aquel modelo de fundacións sanitarias, que Romay Beccaría e Feijóo impulsaran en Galicia como conselleiro e máximo responsable do Sergas, xa fracasara estrepitosamente no hospital de Verín. A súa fundación, constituída en 1993, xa era un desastre apenas tres anos despois, en 1996, cando no hospital só funcionaban 80 camas, a metade da súa capacidade, e a súa xestión estaba sumida na opacidade, no descontrol e tamén nas perdas económicas e mesmo nas contas falseadas. Así o reflectía un duro informe do Consello de Contas emitido en 1998 no que, malia advertir de que as contas anuais da fundación non expresaban "imaxe fiel" do que acontecía en Verín, era quen de cuantificar unhas perdas superiores aos 200 millóns de pesetas -arredor de 1,2 millóns de euros- e de advertir, en xeral dunha "grave situación financeira" que a facía padecer unha "total dependencia" do "apoio financeiro adicional" da Xunta.
O proxecto concibido para liberar a xestión sanitaria dos vicios da administración pública mediante "técnicas de xestión empresarial" estaba funcionando, segundo Contas, como "vía de escape aos controis administrativos" sen que existise ningunha "xustificación documental da necesidade e conveniencia de promover unha fundación para prestar servizos sanitarios". O mecanismo artellado por Romay e Feijóo servía para "trasladar funcións propias da Administración, substraendo fondos públicos e bens de dominio público para poñelos á disposición dunha entidade privada", sentenciaba o Consello de Contas.
As fundacións tiveron que ser rescatadas con máis de 10 millóns de euros e en 2008 os hospitais pasaron a ser plenamente públicos
Tras aquel informe do ente fiscalizador, cando Romay e Feijóo xa estaban en Madrid, en 2000 o Consello da Xunta de Manuel Fraga decidía que tanto a de Verín como as demais fundacións hospitalarias pasasen a ser públicas. En 2003 a Xunta, da que xa formaba parte Feijóo, daba o primeiro paso para integrar o seu persoal no Sergas, proceso culminado en 2007 polo bipartito un ano antes de, en 2008, disolver definitivamente aquelas entidades e facer os hospitais plenamente públicos tras rescatar as súas fundacións con máis de 10 millóns de euros.