"Entendeuse mal, non vai haber ningún consentimento como tal asinado de forma adicional". O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, confirma unha nova marcha atrás no polémico conflito do paridoiro de Verín. Logo de ratificar a súa reapertura, o presidente Núñez Feijóo advertiu da esixencia de máis requisitos para nais e persoal no centro verinense que noutros hospitais á hora de dar a luz. Anunciouno, cunha enguedellada frase, nun acto no CHUO de Ourense.
Feijóo anunciou un consentimento reforzado para que as familias "autorizasen" o parto e os xinecólogos se fixesen "responsables"; Almuíña di que "se entendeu mal"
"Se as mulleres queren parir, e así o concretan, e os xinecólogos de Verín se fan responsables, e así nolo trasladaron, faremos un consentimento informado reforzado para que as familias que queiran seguir parindo en Verín saiban que ese consentimento informado reforzado vai ser o consentimento co que as familias nos van autorizar para facer os partos en Verín", dixo, literalmente, Feijóo sobre unha idea que no Goberno galego levaba semanas pairando, como confirmaron fontes da Xunta a Praza.gal.
Nunha entrevista en La Voz de Galicia, no mesmo domingo da manifestación pola sanidade pública en Santiago, o conselleiro Vázquez Almuíña di que "se entendeu mal". "Non vai haber ningún consentimento como tal asinado de forma adicional. Ao que se refería o presidente é que vai aumentar a información, porque cando volves incorporar un servizo hai que dar unha información adicional. Pero non vai haber nada a maiores", dixo.
Da autorización que debían das as familias e da responsabilidade que debían asumir os xinecólogos, a un simple aumento de información, segundo di agora Almuíña.
Todo, malia que o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, insistía tamén hai tan só unhas semanas que ese consentimento informado debíase "reforzar" no "caso" de Verín "especificamente" para lograr "que a información a nais e pais sexa boa" antes dun proceso clínico e porque moitas veces esta información "é verbal". "Entendemos que neste caso é necesario reforzar que se fai a información ben", dicía.
"Non vai haber ningún consentimento como tal asinado de forma adicional. Ao que se refería o presidente é que vai aumentar a información"
Era unha idea que roldaba a cabeza dos máximos responsables do Sergas e da propia Xunta desde había tempo, así que se desatou o conflito polo peche do paridoiro, que atendeu tres partos malia a supresión do servizo, un deles dunha concelleira do PP que se negou a ser trasladada a Ourense, tal e como indicaba o protocolo da Administración tras a polémica decisión.
O propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, advertía nunha entrevita na Radio Galega da necesidade dun "novo protocolo de actuacións" que debía ser "adecuado" e que "cumpra as expectativas". Durante ben tempo, a Xunta preparou unhas novidosas premisas que ao final bateron non só co rexeitamento dos profesionais no hospital comarcal, que ameazaron con acudir aos tribunais, senón coa propia legalidade.
O Consello Galego de Colexios Médicos emitiu un duro comunicado no que consideraba "inadmisible" ese consentimento reforzado e cargaba contra o Sergas por unha "inédita variante" de permiso que "retorce o obxectivo para o que foi creado" e que "traslada ás nais a decisión de parir en Verín".
Nos dous primeiros partos tras a reapertura das urxencias pediátricas, as nais pariron sen complicación ningunha e sen ter que asinar nin aceptar ningún consentimento reforzado nin específico.
Almuíña asegura que Verín recuperou o servizo de pediatría perdido en 2006; fontes do hospital negan que houbese un servizo daquela e que o haxa agora
Ademais, na mesma entrevista deste domingo, Vázquez Almuíña volve insistir que a situación no hospital comarcal de Verín é "moitísimo mellor que a de antes" e "a mellor desde 2006, que foi a última vez que houbo un servizo de pediatría hospitalaria na comarca de Monterrei".
Fontes profesionais do centro, con experiencia naqueles anos, insisten en que ese servizo non existía xa en 2006, senón unha "atención continuada", semellante ao que vai haber agora. A actual xerente do hospital, Guillermina Agulla, recoñece que habería que cando menos "captar" outro profesional para contar cun servizo específico que desapareceu con Manuel Fraga como presidente da Xunta. De feito, as mesmas fontes aseguran que a pediatra que exercía como tal nese ano 2006 nin tan sequera fora contratada como tal.