Catro días despois da reapertura do paridoiro de Verín, tras a contratación dunha pediatra por parte do Sergas, dous pequenos naceron este xoves no hospital comarcal. Fixérono sen complicacións, atendidos pola nova profesional e sen o consentimento informado "reforzado" que a Xunta pretendeu esixir para as nais que parisen neste centro logo dos dous meses que a atención aos partos e as urxencias pediátricas permaneceron pechadas.
Dúas mulleres pariron en Verín tras a reapertura da sala de partos sen necesidade de consentimento reforzado ningún malia as advertencias da Xunta
Kevin, un pequeno de 3,2 quilos, naceu arredor das sete da tarde, mentres que María Lucía fíxoo pouco antes das dez da noite, con case catro quilos de peso. Ambos os dous partos leváronse a cabo sen complicación ningunha e os neonatos foron asistidos pola especialista pediátrica que se incorporou o pasado luns ao cadro ao hospital.
"Agardemos que todo volva á normalidade", aseguran fontes do persoal, que destacan que non houbo necesidade de "reforzar" ningún consentimento informado, tal e como advertiu o Sergas e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que recoñeceran que habería un permiso con maiores requisitos para profesionais e pacientes que sería "especificamente" aplicado no hospital de Verín.
O Consello Galego de Colexios Médicos, nun comunicado esta mesma semana, considerou "inadmisible" a intención da Xunta de esixir máis condicions e requisitos para os partos en Verín. "Esta inédita variante de consentimento informado reforzado retorce o obxectivo para o que foi creado", dixo.
A pediatra contratada polo Sergas esta semana atendeu os dous neonatos tras dous partos sen complicacións
O paridoiro e as urxencias pediátricas reabríronse o pasado luns tras 63 días ao incorporar unha pediatra o Sergas, que suprimira ambos servizos aludindo a criterios técnicos e de seguridade e achegando diferentes e variadas versións cada pouco. A "falta de pericia" dos profesionais derivada da baixa natalidade, as supostas recomendacións de sociedades científicas e dunha guía para o Ministerio de Sanidade, a necesidade de garantir a seguridade de nais e bebés... Todos foron argumentos empregados pola Xunta, que acabou por recoñecer que era a falta de pediatras a razón fundamental do peche.
Logo de dúas convocatorias de prazas ás que non se presentou ningún candidato, finalmente foi recuperada a atención aos partos tras a contratación dunha pediatra, á falta de "captar" outro profesional, como recoñeceu a nova xerente do hospital, Guillermina Agulla, para poder completar o "serivzo", malia que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presume de telo recuperado xa ao completo.