Un ano despois dun peche anunciado en Verín

Cidadanía e profesionais sanitarios celebrando a reapertura do paridoiro en Verín © Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei / Cedida

Este 25 de novembro fixo un ano da reunión informativa recordada polos veciños da comarca de Monterrei para comunicarnos o peche do paridoiro do Hospital de Verín

Quixera intertar lembrarnos o que aconteceu, coa mirada retrospectiva que o paso do tempo nos dá. Para os veciños, e para nós, aquela reunión colleunos por sorpresa. O día 22 de novembro de 2019, nunha rolda de prensa en Ourense, confirmaban o peche, pero non entendemos as razóns.

A eles non, non os pillou desprevenidos. A cuestión é que para eles o tema comezou anos atrás, cando se viron na obriga de ter que cubrir a asistencia continuada de Xinecoloxía e Obstetricia primeiro, e de Pediatría despois, no noso hospital. Eles mesmos, nas súas recapitulacións, sinalaban "dous anos de descenso" dos partos na nosa comarca ( 89 no ano 2018 e aproximadamente 60 no ano 2019, dician). 

A día de hoxe, no que cumprimos un ano do intento de perpetrar o peche do paridoiro, quero que saibades que sobrepasamos xa ampliamente os cen nacementos... E aínda quedan días de decembro para reamatar a conta. Puntualizo isto para que vós mesmos vos fagades a pregunta de que foi o que  puido ter pasado neses dous anos...

Mobilización en contra do peche do paridoiro de Verín © XCG

O día 25 de novembro de 2019, os tres representantes que se achegaron á cita con nós viñan convencidos de ter logrado a cuadratura do círculo. Fartáronse de mandarvos calar cando lles pedistes reponsabilidades e explicacións, fartei de escoitarllles mandarvos calar, pedíndovos respecto. E cando por fin, conseguiron facerse ouvir, para explicarvos a teoría que traían para contar, e que lles fixo vir pola autoestrada sentido Ourense a Verín, o que oímos, a min literalmente me alporizoume de vez, podédelo relembrar vós mesmos. O que nos ofreceron foi a xa famosa teoría da "perda da man ou pericia".

A día de hoxe, e mirade que reclamamos vía rexistro, aínda ninguén nos enviou copia dos supostos informes técnicos/científicos de "todas as Sociedades" (dicían) que avalaban o peche do paridoiro de Verín. Nin tampouco ningún dos informes que "ano tras ano"  fixeran, que informaban á Consellería e á xerencia do CHUO, que debería pecharse o noso paridoiro por razón de "seguridade". Onde están? 

Aquilo, levou a arrebatarme e a escribir unha carta que quizais a día de hoxe non  escribise. Todos recordades, non volo vou mentar, e non porque non o merezan, senón porque non hai maior desprezo que non dar aprecio.

O 25 de novembro forma parte da nosa conciencia colectiva, no  meu caso, tras o cabreo inicial, xa non o lembro como algo abafante nin desacougante, só o lembro con satisfacción e orgullo. Orgullo pola nosa comarca, polos meus veciños, pola xentiña, milleiros e milleiros que conectaron cunha pequena comarca do sureste da nosa Comunidade. A día de hoxe, moitos españois e mesmo moitos de fóra de España, colócannos no mapa por aqueles días de loita, contra argumentos e feitos que nin entendemos daquela, nin entendemos gora, nin entenderemos.

Vólvovos lembrar, un ano despois, como rematei aquel exhorto:

Grazas!!! Non sabedes o orgullo que sentimos, non sabedes as poucas veces que uns profesionais ou persoas se poden sentir coma nos sentimos nós.Arroupados! Xente agradecida polo noso facer ou pola nosa compaña. Só sentimos agradecemento, consolo e Amor de toda esa xentiña (a nosa xentiña). 

Son de Verín! A miña filla naceu en Verín! Vivimos en Monterrei!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.