Unha nova mobilización na porta do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) deu conta do malestar de profesionais sanitarios, mulleres embarazadas, activistas e veciñanza polo traslado provisional previsto a este edificio principal do hospital do Materno Infantil, logo de que o Sergas decidise tiralo para facelo de novo tras as últimas derrubas do falso teito na zona de Pediatría.
Desde as 10:30 horas da mañá, ducias de persoas uníronse a unha nova mobilización polas condicións do traslado de Xinecoloxía, Obstetricia e Pediatría ao edificio principal do CHUO e, xa que logo, da sala de partos a "unhas instalacións que non cumpren as condicións de seguridade, intimidade e dignidade que merecen as embarazadas en Ourense".
Así o advirten os colectivos convocantes —Arrolos de Teta, O parto é noso, a Marcha Mundial das Mulleres, Petra Maternidades Feministas, Asociación Galega de Matronas e SOS Sanidade Pública—, que "exixen" á xerencia do CHUO e mais á Consellería de Sanidade a "paralización inmediata do traslado nas condicións actuais" e a "garantía de condicións estruturais, hixiénicas e humanas dignas para o parto e a atención neonatal".
A mobilización exixe ao Sergas a "paralización inmediata do traslado nas condicións actuais"
Porque tanto estas entidades como veciñanza ou persoal sanitario alertan do seu temor polas condicións nas que van ser atendidas unha vez se produza o traslado do hospital Materno Infantil, que fora anunciado para esta semana e que, en todo caso, prevese finalizar neste mes.
Persoal do servizo de partos do hospital de Ourense recollera nun informe eivas das novas instalacións que "comprometen de maneira significativa a calidade da atención obstétrica, a seguridade clínica de mulleres e neonatos e os dereitos fundamentais durante o parto". E advertiran de salas de dilatación "divididas por cortinas" e "sen lavabo nin auga corrente" ou salas de acceso á sala de partos non axeitadas.
Profesionais, activistas e veciñanza piden un "diálogo real e transparente co persoal e coas usuarias"
Todo nunhas obras de adaptacións provisionais cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros, segundo a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que foron tamén criticadas por CIG-Saúde, que asegura que coa información da que dispoñen non poden "deixar de cuestionar a viabilidade dos cambios pretendidos".
Ante esta situación, as persoas mobilizadas reclaman á xerencia e á Consellería "a apertura dun diálogo real e transparente co persoal do servizo e coas usuarias" e a "protección da saúde emocional das mulleres e dos seus dereitos asistenciais".
Á mobilización deste luns uniuse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que exixiu tamén á Xunta que "paralice" o traslado do Materno Infantil de Ourense "até que lles ofreza ás mulleres ourensás unha alternativa que garanta poder dar a luz en condicións dignas, con todas as garantías sanitarias e respectando a súa intimidade".
Pontón pide á Xunta paralizar o traslado do Materno Infantil "até que lles ofreza ás mulleres unha alternativa que garanta dar a luz en condicións dignas"
“Hai que paralizar este traslado e garantir condicións dignas para o parto porque, no mellor dos casos, estamos falando de que se tardaría cinco anos en volver recuperar a actividade normal neste hospital”, reclamou dende o CHUO, onde participou na manifestacións xunto ao portavoz municipal, Luís Seara, e a deputada Noa Presas.
Ademais, Pontón denunciou que o Goberno de Alfonso Rueda “quere que as mulleres de Ourense dean a luz nunhas condicións que son deplorables e propias dun país terceiromundista” e non dun país desenvolvido.
"Condicións terceiromundistas"
“Quero preguntarlle ao señor Rueda se de verdade considera que, en pleno século XXI, as mulleres de Ourense teñan que parir nunhas condicións que son terceiromundistas, se realmente considera normal que as mulleres teñan que parir nunha zona onde non hai lavabos nin auga corrente, se considera que unha muller durante o seu proceso de dilatación pode estar nunha sala na que non ten a máis mínima intimidade”, cuestionou, tras lembrar que o Bloque leva tempo xa denunciando a "situación gravísima" no CHUO.
Na concentración, as persoas mobilizadas reivindicaron o dereito a "nacer/parir con dignidade" e lembraron a súa intención de seguir mobilizándose ata que as administracións as "escoiten". "Non imos deixar de mobilizarnos até garantir unhas condicións de traslado dignas para o paridoiro de Ourense", advirten.