Este martes fai cinco anos desde que o 4 de febreiro de 2020, e logo dunha intensa mobilización cidadá, a Xunta reabriu o paridoiro do hospital comarcal de Verín. Desde aquela, foron arredor de 500 os nacementos nunha sala de partos que, xunto co servizo de pediatría, permaneceu inactivo durante o mes de Nadal e de xaneiro de hai un lustro, entre o rexeitamento maioritario da sociedade verinesa e da comarca e mais dos profesionais do centro sanitario.
Entre os referentes daquela protesta, Javier Castrillo, xefe —daquela e agora— do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, a quen o Sergas abriu un polémico expediente disciplinario que propuxo unha sanción por falta grave, o que el considerou unha "vinganza" e que foi arquivado máis de catro anos despois.
Que pensa agora cando bota a ollada atrás, a hai cinco anos?
Penso en que foi algo extraordinario o feito pola xente. A mobilización que houbo en Verín e na comarca e a resposta social fixeron que me sentise moi orgulloso e que aínda o siga estando hoxe en día.
"O que fixo a xente foi algo extraordinario; a resposta social fíxome e faime sentir orgulloso"
Como está agora a situación en canto á atención aos partos en Verín?
Está máis normalizada e tranquila, pero podemos dicir que nos seguen fiscalizando, que nos seguen tendo moi controlados desde Ourense. Daquela, se os xefes de servizo e profesionais do CHUO asinaron a prol de pechar a sala de partos e mesmo advertiron dunha suposta mala praxe en Verín era porque lles interesaba atender os partos que aquí se atendían; polo seu beneficio. E séguenlles interesando porque hai cinco anos no hospital ourensán nacían uns 1.500 pequenos ao ano e agora roldan os 1.000, unha tendencia que é común en toda Galicia. Pero coido que agora é un interese máis da xerencia e do servizo de partos que da política ou da Xunta.
Non teme que o Sergas volva intentar un peche do servizo?
A Xunta quedou bastante escarmentada do que ocorreu, da resposta masiva da xente, do enfado, da que se lles montou aquí. Foi a tormenta perfecta. Non creo que, polo momento, lles queden moitas ganas de intentar pechar un servizo fundamental e tan sensible.
"A Xunta quedou escarmentada; non creo que lles queden moitas ganas, polo momento, de intentar pechar un servizo tan sensible"
Nin o cambio na xerencia do hospital fai que teman consecuencias...
Efectivamente, en breve marchará a xerente, unha persoa que defendeu este hospital e os seus servizos. Non sabemos a quen van poñer, pero non creo que a Xunta formule tan sequera a idea de suprimir servizos; polo menos de momento. Quedou escaldada.
O que é obvio é o descenso no número de partos, un dos argumentos que a Xunta esgrimira daquela para xustificar o peche do paridoiro.
O número de partos baixa en todos os sitios. Na comarca xa partiamos dunhas cifras baixas e este ano non chegamos aos 80. Obviamente, son poucos, pero á xente hai que darlles servizos e este é un servizo que está funcionando e que o fai ben. Quitar un servizo coma este é algo delicado e moi serio, porque afecta a algo tan sensible como os nacementos e polo trastorno que ás persoas afectadas lles suporía ter que ir parir, como se pretendía, a tanta distancia. Pero ademais é importante por outra cuestión: se en Verín se suprime a atención aos partos, nuns anos o hospital acabaría desaparecendo. Ese só sería o primeiro paso.
Cre que a sociedade é consciente dese perigo?
Este hospital segue a ser útil, próximo, dá un gran servizo e a xente sábeo. Se volven intentar suprimir servizos, a Xunta e o Sergas volverán ter a oposición frontal de toda a poboación, independentemente da súa cor política. As protestas en contra do peche do paridoiro non foron apoiadas só por uns determinados partidos políticos ou ideoloxía, houbo alcaldes do PP que se puxeron do noso lado e que nos apoiaron.
"Se en Verín se suprime a atención aos partos, nuns anos o hospital acabaría desaparecendo. Ese só sería o primeiro paso"
Foi aquela reacción cidadá o máis positivo?
Aquilo foi algo extraordinario. Foi unha mobilización masiva, completa... A xente pechouse no hospital e nin tan sequera no Nadal deixou de haber xente encerrada e protestando. Estou orgulloso de ter participado daquilo...
A pesar do que lle supuxo logo a vostede de xeito persoal?
A pesar do que me custou persoalmente, si. O do expediente foi unha vinganza ruín por poñerme claramente en contra do peche do paridoiro e por ter posto atrancos ás intencións da Xunta. Un parto é algo moi sensible e mediático e o feito de ter chamado a un xuíz para evitar un traslado tivo unha repercusión tremenda. Decidín que aqueles partos que non cumprían estritamente cos requisitos para seren derivados a Ourense non serían derivados. E aquilo amolounos moito. Querían que eu colaborase e acabase co servizo e de aí aquel expediente absurdo e inxustificado.
"A asistencia sanitaria é clave para manter o rural; a xente ten dereito a ese e outros servizos básicos"
Un servizo fundamental nunha zona que xa denuncia a falta doutros básicos...
A asistencia sanitaria é clave para manter o rural e hai unha cousa tan evidente como importante: a xente ten dereito a ter ese e outros servizos básicos. O problema último de todo é o abandono do rural, a clave de todo. Hai moitas maneiras de matar un hospital ou unha comarca... Se o fas ás bravas, como foi o caso en Verín, vas ter a oposición de toda a poboación, pero hai xeitos máis sutís e sibilinos de desfacer un centro sanitario ou provocar que unha determinada área vaia esmorecendo...
E se non hai servizos, a xente acaba marchando...
Exacto, é a historia de nunca acabar: se non hai servizos, a xente marcha e se a xente marcha, as administracións emprégano como argumento para suprimir servizos. Hai que facer algo, ou é que todos imos ir vivir á Coruña, a Vigo ou a Madrid? A xente, viva onde viva, ten dereito a uns mínimos servizos e hai que darllos.
Mudou aquel conflito a posición da cidadanía?
Serviu moito para concienciar a xente; moita decatouse de que estaban tocando algo importante, de que loitando pódense defender as cousas, facer presión e conseguir resultados, e iso é moi importante, tanto como salvar a sala de partos ou o hospital. Porque a xente adoita ser moi desleixada, pero en Verín tocáronlle algo moi sensible e a cidadanía reaccionou, o que é moi relevante tendo en conta que vivimos rodeados de intentos continuos por desmotivar a sociedade, de procurar que ninguén tome partido e de que pensemos que non se pode conseguir nada. Téñeno moi traballado.
"Os compañeiros do CHUO apoiaron o peche do paridoiro só polo seu beneficio, porque atender nos nosos partos víñalles de marabilla; deberían pedirnos perdón"
Pediulle perdón alguén do Sergas ou da Xunta?
Ninguén do Sergas nin da Xunta me pediu perdón... E houbo cousas moi feas. Non tería estado mal, sería un detalle. Pero os que si que terían que ter pedido desculpas son os compañeiros do CHUO que apoiaron coa súa sinatura o peche e mais as acusacións vertidas a profesionais de Verín. Puideron e deberon recoñecer que cometeron un erro, que o que fixeron non era o seu traballo. E fixérono só polo seu beneficio, porque co peche asumirían os partos que atendiamos nós e iso viríalles de marabilla...
Non o dan esquecido...
Non todo debe estar permitido para obter un beneficio, hai que ter un pouco máis de dignidade, criterio e empatía. Non podes dicir que en Verín as cousas se fan mal só por obter un rédito. Hai que lembrar que o xefe de servizo, o de Pediatría e xinecólogos de Ourense apoiaron coas súas sinaturas que se pechase a atención en Verín porque, segundo asumían, supoñiamos un risco e un perigo. É algo para esquecer e así teño que facer porque se o tivese presente, non lles volvería falar. Pero temos que facelo porque somos parte da mesma área sanitaria e temos unha relación inevitable. Eu esquecino, pero hai compañeiros que se teñen que tratar algún tema con eles son eu o que fago de intermediario. Seguen sen querer dirixirse a eles.