O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán, presenta 'Recoñecer, actuar, restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas'
Recoñecer, actuar, restaurar. O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega elabora un Manual básico para afrontar as violencias machistas que pretende servir de guía para calquera persoa, vítima ou non, co fin de atopar nel as respostas para actuar. Está dispoñible para a súa descarga desde o sitio web do CCG e queren que chegue a aos Centros de Información á Muller (CIM), aos servizos sociais dos concellos, ás escolas e institutos, ás universidades, etc. “Curiosamente, hoxe volver sobre o básico parécenos revolucionario”, dixo Carme Adán, coordinadora do manual, na súa presentación.
Segundo explica Adán na introdución desta guía con vontade práctica, “a primeira parte do manual ofrece unha serie de claves para poder recoñecer tanto a violencia de xénero na parella como a violencia sexual. Non sempre temos claro que son as violencias machistas, así que coñecer e recoñecer as súas diferentes manifestacións considerouse un primeiro paso imprescindible”. A segunda parte do “céntrase na actuación: en como proceder se se é vítima de violencia machista. Nela expóñense os escenarios e itinerarios que ten diante unha muller ou moza cando decide actuar e presentar unha denuncia”. Ademais, “achega unha compilación de recursos, programas e servizos que as administracións ofrecen no proceso de restauración ao que se enfrontan as mulleres que sufriron violencia machista”.
A coordinadora fixo fincapé en que “estamos nunha confrontación de formas de entender a sociedade” e en que moitos discursos reaccionarios teñen de fondo a vontade de “introducir as mulleres no fogar”, algo que considerou que resulta “moi rendible para o neoliberalismo” e, a maiores, “unha cousa que sempre nos dixeron que se facía por amor”. Por iso, o obxectivo deste manual “breve, rigoroso, áxil e visual” é “chegar a calquera moza e a calquera muller”.
A psicóloga Victoria Rey salienta que se se dá o primeiro paso de que as mulleres recoñezan estar sufrindo violencia machista “xa fixemos a metade do camiño porque pasan de sentirse culpables a sentirse vítimas"
No inicio, o manual consta dun test para identificar as chamadas red flags, os sinais claros que se repiten nas relacións tóxicas e de dominación. Un primeiro paso no camiño para recoñecer as violencias machistas presentes no día a día dunha muller neste século. Ademais, defínense tipos de violencia como a vicaria, a económica ou a sexual. “En España denúncianse oito violacións ao día, mentres estamos aquí xa se cometeu unha violación”, afirmou Adán na xornada de presentación deste traballo, que se pode ver aquí, que contou cun debate moderado por Belén Puñal no que participaron Laura Seara, Concha Fernández, Cristina Martínez e Ana G. Liste.
Carme Adán, catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo e coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos foi secretaria xeral de Igualdade na Xunta entre 2005 e 2009, lidera este traballo en equipo no que contou con Victoria Rey Mariño, psicóloga e docente de intervención sociocomunitaria que dirixiu o CIM de Arteixo; Cristina Martínez Fernández, avogada especializada en violencia de xénero e asesora xurídica no CIM de Arteixo; e Belén Puñal Rama, doutora en Ciencias da Comunicación e impulsora da Declaración de Compostela co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un conxunto de recomendacións para o tratamento informativo da violencia de xénero.
Como psicóloga, Victoria Rey Mariño salientou que se se dá o primeiro paso de que as mulleres recoñezan estar sufrindo violencia machista “xa fixemos a metade do camiño porque pasan de sentirse culpables da situación na que viven, deste desasosego, malvivir e malestar de que súa relación de parella non funciona a sentirse vítimas. E sentirse vítima sitúa como culpable á persoa que lle está facendo pasar por esa situación”. Aínda que “a responsabilidade é compartida –advertiu–, é unha responsabilidade social”.
"Intentamos darlles un protocolo de actuación. Hai cousas moi duras como non lavarse cando sofres unha agresión sexual ou asesorar as vítimas de violencia de xénero para que recompilen probas", di a avogada Cristina Martínez
Pola súa banda, Cristina Martínez Fernández sinalou que “non hai moita perspectiva de xénero na avogacía”. “Tratamos de explicar os procesos cunha linguaxe moi accesible e intentamos darlles un protocolo de actuación no caso das violencias sexuais e de xénero, que son nas que nos centramos. Hai cousas moi duras como non lavarse cando sofres unha agresión sexual ou asesorar as vítimas de violencia de xénero para que recompilen probas antes de ir presentar unha denuncia”, conta a avogada.
Belén Puñal debullou que o manual contén unha “selección de recursos aos que poden acceder as mulleres directamente”, expostos de maneira moi sintética e cunha linguaxe cun enfoque máis humano. “Cómpre facer manuais básicos porque o que a algunhas nos parece tan básico, non o é. Recoñecer hoxe as violencias machistas é un traballo que debemos facer entre todas, cada unha nos espazos nos que nos toca, sabendo que isto vai para longo”, concluíu Carme Adán, que incidiu en que o manual se comparta para que máis xente estea informada.