O Sergas retira da súa web o folleto que recomenda a 'marcha atrás' como anticonceptivo

"Texto en revisión" pódese ler agora na web do Sergas Dominio Público Praza Pública

A Xunta dá marcha atrás. Na tarde deste luns, 24 horas despois de que se iniciase a polémica polo folleto que recomendaba o coito interrompido como un método anticonceptivo válido e fiable, o documento foi retirado da web do Sergas, na que agora se pode ler Texto en revisión. O Goberno galego recúa a pesar de que só unha horas antes, o luns pola mañá, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, xustificaba a presenza da marcha atrás entre os anticonceptivos recomendados, afirmando que se debía á decisión de "expertos xinecólogos" e alegaba que o folleto non era unha "recomendación", senón simplemente "unha guía descritiva". "Non se recomendan, dise os que hai", afirmou, esquecendo que o folleto aseguraba que a "eficacia" da marcha atrás era "do 73 ao 96%" e que "non existen métodos bos e métodos malos".

Este luns o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, xustificaba que a presenza deste método se debía á decisión de "expertos xinecólogos" e culpaba ao Bipartito da súa publicación

Aboal aproveitaba tamén para botarlle a culpa ao Goberno Bipartito, que abandonou a Xunta hai máis de nove anos, sinalando que o folleto foi publicado por primeira vez en 2008 e que, posteriormente, foi "actualizado" en 2010 por un "grupo de expertos". Dende entón, a publicación foi reimpresa cando menos noutra ocasión, en 2015.

Nas súas declaracións Aboal destacaba que a decisión de retirar o folleto -como lle esixían todos os grupos da oposición- era responsabilidade do "comité de expertos". Porén, case ao mesmo tempo o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, desautorizaba tacitamente a Aboal, sinalando que a demanda da oposición lle parecía "razoable". Poucas horas despois o folleto desaparecía da web do Sergas sen máis explicacións ao respecto que xa comentada mensaxe de texto en revisión

 

Reaccións políticas

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, desautorizou tacitamente a Aboal, sinalando que a demanda da oposición lle parecía "razoable"

Este luns o BNG pediulle ao Sergas "a retirada inmediata" do folleto. A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, cualificaba de “anacrónico e totalmente irresponsable” que desde a Administración pública se recomende a interrupción do coito como método para evitar embarazos non desexados "cando está demostrado que non é eficaz nin como método anticonceptivo, nin como método para evitar contaxios de doenzas de transmisión sexual e, ao mesmo tempo, condiciona negativamente as relacións sexuais". A formación tamén criticou a presenza nese folleto de métodos anticonceptivos recomendados de "outros igual de dubidosos como o denominado método ogino, da temperatura basal ou de día fixos". O BNG lembrou que segundo unha enquisa levada a cabo pola Consellería de Sanidade entre máis de 6.000 nais galegas entre 2015 e 2016 un 20% dos embarazos foron non planificados.

O BNG lembrou que segundo unha enquisa levada a cabo pola Consellería de Sanidade entre 2015 e 2016 un 20% dos embarazos foron non planificados

De igual xeito, as Xuventudes Socialistas Galegas (XSG) denunciaron que “hai unha intolerable falta de interese por parte da Xunta de Feijóo en materia de educación sexual", engadindo que "estes folletos son o seu resumo: desinformación e posta en risco da saúde dos e das cidadáns”. O secretario xeral das XSG, Nabor González, destacou que “é inadmisible que dende as institucións públicas se igualen métodos coma a marcha atrás, que case nin se considera un método anticonceptivo, co uso de preservativos ou anticonceptivos hormonais”. A coordinadora de benestar social das XSG, Paula Castiñeiras, alertou pola súa banda de que o folleto “emprega unha retórica que pode facer pensar a calquera mozo ou moza que non por un preservativo non acarrea practicamente ningún risco”. As mocidades do PSdeG-PSOE pedíanlle á Xunta a retirada da publicación e esixíanlle ao Executivo galego que realice “unha reflexión e se tome en serio as políticas en materia de educación sexual que asemellan esquecidas por este goberno”.

Tamén dende En Marea, o seu viceportavoz Antón Sánchez, pediu a retirada do folleto e reclamou "explicacións de por que foi publicitado e publicado" pola Xunta.

 

Páxina na que aparece a 'marcha atrás' como método anticonceptivo válido © Iván Méndez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.