0 Gardados para despois

O Sergas inclúe a 'marcha atrás' nun folleto sobre métodos anticonceptivos recomendados

Redacción | @prazapublica

"Coito interrompido (Marcha Atrás). Eficacia: 73 ao 96%. Consiste en retirar o pene da vaxina antes da exaculación, que non debe producirse cerca da vulva. A eficacia anticonceptiva depende de se se emprega correcta e sistematicamente. Non protexe de ITS". Un folleto do SERGAS sobre métodos anticonceptivos inclúe a marcha atrás entre os métodos válidos e recomendados, outorgándolle a mesma validez que a outros coma o preservativo, o diafragma, o DIU ou a pílula. Na propia páxina do SERGAS pódese descargar a publicación na súa versión de abril de 2010, e a recomendación mantense na edición de novembro de 2015, que tamén circula en formato impreso.

Destaca que "non existen métodos bos e métodos malos" concédelle ao coito interrompido unha eficacia do 73% ao 96%, explicando que "depende de se se emprega correcta e sistematicamente"

Así o denunciou Pilar Fernández a través das redes sociais, sinalando que "eu non sei si o seu Gabinete tomou a decisión de resolver o 'problemiña' demográfico con este panfleto. Isto é unha verdadeira aberración, particularmente para as mulleres". E da denuncia fixéronse eco entidades coma a Plataforma Feminista Galega.

O folleto inclúe tamén outros métodos moi cuestionados nas últimas décadas, coma o Método do Calendario (Ogino – Knaus), consistente en calcular os días teóricos que son fértiles e evitar coitos vaxinais eses días, así coma outros métodos "baseados no coñecemento da fertilidade". A publicación do SERGAS comenta que "non existen métodos bos e métodos malos", que "non hai indicacións, a elección depende da persoa, das súas circunstancias, do tipo de relación de parella, do tipo de relación sexual" e que "as supostas vantaxes e desvantaxes de cada método non son universais, cada persoa avalíaas de xeito individual, o que é bo para unhas pode ser todo o contrario para outras".

Nos últimos anos alertouse da popularización, sobre todo entre a mocidade, de prácticas sexuais de risco e de métodos pouco fiables para evitar embarazos non desexados e totalmente inútiles ante o contaxio de enfermidades

Nos últimos anos tense alertado en numerosas ocasións da popularización, sobre todo entre a mocidade, de prácticas sexuais de risco e de métodos pouco fiables para evitar embarazos non desexados e totalmente inútiles ante o contaxio de enfermidades de transmisión sexual. É o caso da coñecida como marcha atrás. O pasado ano publicouse o informe Mitos e realidades sobre sexualidade e anticoncepción nas millennial españolas, realizado por Bayer en once países europeos e Canadá, que amosaba que o 3,3% das mozas españolas aínda consideraba que a marcha atrás era un método anticonceptivo eficaz. En 2012 un estudo da Universidade de Sevilla financiado polo Ministerio de Sanidade alertaba de que o 12% das adolecentes empregaba este método como forma de tentar evitar embarazos, unha porcentaxe que se duplicara dende o ano 2004.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.