Galicia rexistra 630 expedientes de regulación temporal do emprego polo coronavirus que afectan a 5.187 persoas

Interior dun restaurante baleiro en Palas de Rei, nunha imaxe de arquivo © Turismo de Galicia

Galicia rexistrou ata este mércores 630 expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE),  que afectan a 5.187 persoas, segundo os datos da Xunta. Hoxe entraron en vigor as medidas do plan económico contra os efectos do coronavirus que aprobou o Consello de Ministros este martes e que mobilizará 200.000 millóns de euros en todo o Estado.

Entrou xa en vigor o decreto que flexibiliza os ERTE e permite que as empresas queden exoneradas de pagar as cotas á Seguridade Social se teñen menos de 50 empregados

Entre as medidas atópase a flexibilización dos ERTE, cos que se poden suspender temporalmente os contratos ou reducir a xornada. Os derivados da situación creada polo coronavirus e os peches de actividades considéranse de forza maior e poden contar coa autorización da autoridade laboral en cinco días desde que se presenta a solicitude. As empresas de menos de 50 empregados non terán que aboar as cotas á Seguridade Social e as de máis terán que pagar só o 25 por cento. O persoal que se vexa afectado polas medidas pode cobrar o paro sen descontalo dos dereitos que xa tiña recoñecidos e sen necesidade de ter cotizado o mínimo requirido.

Limpeza do interior dun autobús urbano © Vitrasa

O Concello de Lugo manterá os contratos coas adxudicatarias nos mesmos termos para que ningunha delas recorra a suspensións de contratos

Algúns entes locais comezaron a anunciar tamén medidas propias para tratar de limitar o impacto da pandemia do coronavirus sobre a economía. O Concello de Lugo manterá os termos dos contratos que ten coas empresas adxudicatarias, co obxectivo de que "ningunha delas se vexa obrigada a acudir a un ERTE".

A alcaldesa, Lara Méndez, que vén de asinar un decreto para tal fin, lembrou que o Concello habilitou unha partida de 5 millóns de euros para apoiar a empresas e autónomos do municipio mentres dure a crise polo coronavirus. "É a nosa vontade política que as empresas que traballan nos distintos servizos municipais non sufran coa actual situación”, dixo.

As adxdicatarias deberán manter "a plena disposición" do Concello "os mesmos medios humanos e materiais" cos que viñan traballando, aínda que pode haber modificacións dalgún contrato para adaptalo á situación.

Unha parte dos contratos, indicou Méndez, deberá manterse por resultar "esencial" e será necesario "incluso aumentar" algúns medios, como os dos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.