O pasado decembro, apenas cinco meses despois da súa chegada á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández reuníase coa súa sucesora na Consellería de Infraestruturas para anunciar o definitivo descarte dun emblemático proxecto. As 40 vivendas públicas para mocidade que se ían construír na céntrica avenida de Xoán XXIII, a apenas 400 metros da Catedral, pasaban á historia. A parcela do Instituto Galego de Vivenda e Solo ía ser "permutada" por outra en Lamas de Abade, nos arrabaldes da cidade, e no privilexiado emprazamento dábase luz verde para erguer "vivenda libre", isto é, de promoción privada e prezo de mercado. A controvertida decisión de cancelar este proxecto e de cambialo pola edificación de pisos protexidos a uns catro quilómetros da zona histórica vén sendo xustificada dende a Xunta con argumentos diversos. O último mesmo dá en criticar o proxecto orixinal, adxudicado por quen hoxe é alcalde de Compostela.
Tras un primeiro debate ao respecto en comisión parlamentaria a Consellería de Infraestruturas vén de responder unha pregunta na que os deputados do BNG Cosme Pombo e Ana Pontón instaba o Goberno a aclarar as "razóns polas que non ten previsto a construción de vivenda protexida na contorna do núcleo histórico" da capital galega. Na súa resposta o departamento que agora dirixe Ethel Vázquez sinala que "as características técnicas da parcela de Xoán XXIII dificultan e encarecen a construción de vivendas de promoción pública", polo que resulta máis acaído "monetarizar o valor desa parcela" e "investir a mesma cantidade que sería necesaria para a construción de 36 vivendas" para erguer 72 "noutros emprazamentos".
O Goberno di agora que un apartamento non é unha vivenda e atribúelle ao bipartito o proxecto adxudicado en tempos de Hernández e agora cancelado por acordo de Xunta e Concello
A Xunta, di, non fai máis que aplicar "criterios de eficiencia dos recursos públicos" cunha opción de "beneficio social indubidable" que, afirma, contrasta "co proxecto do Goberno bipartito, defendido polo BNG", o cal, acusa, "supoñía a construción de pequenos apartamentos e non de vivendas, o que supoñía excluír dos mesmos a todas as familias con fillos inscritas no Rexistro de Demandantes, limitando a oferta a unha pequena parte dos solicitantes". Ademais, aqueles "pequenos apartamentos" do que teima en definir como "proxecto do bipartito" só dan "resposta temporal á demanda de vivenda", da que "a demanda" na cidade é "para vivendas de maior superficie". Por iso, a operación agora aprobada será "a que permita que en 2015 se inicien 36 novas vivendas de promoción pública para 34 familias en Santiago de Compostela".
Se ben é certo que este proxecto foi impulsado polo bipartito, nomeadamente dende a Consellería de Vivenda que dirixía Teresa Táboas, non o é menos que a solución agora criticada pola Xunta xa non foi adxudicada polo Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas, senón pola Consellería de Infraestruturas do PP, isto é, a de Hernández. Isto foi así porque tras quedar deserto o primeiro concurso convocado en tempos de Táboas o bipartito realizou unha segunda convocatoria que non foi resolta ata novembro de 2009, cando Alberto Núñez Feijóo xa presidía a Xunta.
Eloxios da Xunta con Hernández como conselleiro
Foi concretamente o 3 de novembro de 2009 cando o Executivo anunciou que "o IGVS, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, construirá 40 vivendas de promoción pública na parcela da súa propiedade emprazada na rúa Xoán XXIII". Sen entrar, como agora, a discutir se un apartamento non é unha vivenda -segundo o dicionario, si que o é-, aquel comunicado indicaba a adxudicación da redacción do proxecto da obra por 114.898 euros ao equipo dos arquitectos Alberto Noguerol e Pilar Díez. A adxudicación, indicaban, tivera en conta "a concepción global do edificio", que permitía "á maior parte das vivendas orientarse cara á rúa", con "mellores vistas" e "axeitado asollamento".
En novembro de 2009 a Consellería eloxiaba as características técnicas do proxecto e anunciaba 2,7 millóns para a súa construción
O proxecto agora criticado era daquela loubado pola propia Xunta polo "elegante xeito" en que resolvía "o encontro coas edificacións tradicionais" da zona. Ademais, tíñase en conta "a axeitada distribución das vivendas", a cal, dicía o IGVS, "garante unha óptima funcionalidade das mesmas, independizando zonas de servizo" como cociña e tendal da "zona de estar", permitindo ademais "o uso alternativo dos espazos principais mediante a posibilidade de integración do dormitorio no ámbito da estancia principal".
Estas serían as características dunha obra para a que a Consellería anunciaba un investimento de 2,7 millóns que servirían para erguer "nove vivendas de dous dormitorios" de entre 60 e 65 metros cadrados e "31 vivendas dun dormitorio" que terían cadanseus 50 metros cadrados. A decisión, eloxiaban, reactivaba un expediente "iniciado en 2003", con Feijóo como conselleiro, pero que "foi paralizado en 2005". O bipartito, criticaban, "só foi capaz de convocar un concurso de ideas [convocou dous] e pechar a parcela cunha valla publicitaria". O concurso en cuestión foi resolto xa en tempos do PP, que tras a adxudicación mudou os logotipos do devandito valo, o mesmo que agora foi pintado de branco e que, de cando en vez, serve de improvisado lenzo de pintadas que as autoridades, pola súa banda, se afanan en facer desaparecer.