O Goberno galego rebaixa o 75% dos custos notariais de compra, construción, rehabilitación ou división horizontal de edificios que se destinen a alugueiro durante 10 anos fixando restricións no uso pero non no prezo
Tras máis dunha década sen ser unha prioridade, os Orzamentos da Xunta para 2025 apostan pola vivenda tanto no que ten que ver cos investimentos directos do Goberno galego, con máis de 200 millóns de euros, como na regulación e redución de impostos para impulsar a promoción de vivendas protexidas. Entre outras cuestións, créase unha bonificación dos custos notariais de quen merque, constrúa ou rehabilite edificios para destinalos integramente a alugueiro de vivendas durante un mínimo de 10 anos. A Xunta prevé deixar de ingresar en 2025 4,81 millóns de euros por esa rebaixa de impostos, na que non establece ningún tipo de limitación sobre o prezo que se poida cobrar por eses alugueiros.
A bonificación agora creada na cota a pagar por actos xurídicos documentados será dun 75% do gravame de documentos notariais nas escrituras públicas de "adquisición, declaración de obra nova, división horizontal, así como a constitución, modificación e cancelación de dereitos reais de garantía, na promoción, construción e rehabilitación de edificios destinados a aluguer". O Goberno galego prevé que estas bonificacións sumen en 2025 4,81 millóns, máis dunha quinta parte dos 22,21 millóns que deixará de ingresar por todas as novas bonificacións na compra-venda de bens inmobles ou actos xurídicos documentados.
As vivendas afectadas non poderán alugarse por menos de catro meses ou a parentes e non poderán quedar sen alugar durante máis de dous anos
Para que a nova bonificación sexa aplicable a Xunta fixa varios condicionantes, pero ningún deles vai ligado ao prezo do alugueiro das vivendas implicadas. O que si se establece é que o edificio que se vexa beneficiado desta rebaixa de impostos deberá dedicarse integramente a alugueiro durante os dez anos seguintes. Un período no que non poderá haber ningunha vivenda que quede sen alugar durante máis de dous anos seguidos, no que ningunha vivenda se poderá alugar por menos de catro meses, no que non se poderán ofrecer nelas servizos "propios da industria hostaleira" e no que non se poderán alugar vivendas a parentes das persoas propietarias ou directivos das empresas propietarias do inmoble.
No inmoble beneficiado pola bonificación tampouco se poderán vender vivendas individualmente, pero a nova norma si permite a venta da totalidade da construción "a unha ou varias persoas adquirentes que continúen coa explotación das vivendas do edificio en réxime de arrendamento".
A normativa da nova bonificación establece que no caso de producirse nos dez anos seguintes algunha das incompatibilidades anteriores deberá pagarse "o imposto que se deixase de ingresar a consecuencia da bonificación cos xuros de mora". Nada se di en todo o texto sobre o prezo dos alugueiros.
Mudanzas no rexistro de demandantes
Facilítase que entidades de carácter social axuden na inscrición no rexistro de demandantes de vivenda e que non haxa que acreditar que se cumpren os requisitos no momento da inscrición senón cando se adxudique unha vivenda
A Xunta tamén aproveita os novos orzamentos para mudar a regulación do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e posibilitar a súa xestión "a través de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de carácter social no eido da vivenda, con acreditada experiencia na procura de vivenda e mediación social". Así, entidades sociais que xa viñan desenvolvendo actividades de intermediación entre a administración e persoas en risco de exclusión ou necesitadas de vivenda verían facilitado o seu traballo.
Nesa liña, para a inscrición no rexistro "será suficiente unha declaración responsable na que a persoa interesada manifeste cumprir cos requisitos esixidos para o acceso a unha vivenda protexida". Será no momento de adxudicación das vivendas cando a persoa beneficiaria deba acreditar que cumpre cos requisitos.