Ana Miranda: “A cuestión non é que vou facer no Parlamento Europeo nun ano senón que fixeron os demais en tres”

Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas Dominio Público BNG

Ana Miranda (Cuntis, 1971), portavoz do BNG para asuntos comunitarios, toma posesión este mércores do escano do Parlamento Europeo que, integrado no grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea (ALE), obtivo nas eleccións europeas de 2014 a coalición Os Pobos Deciden e que ata o de agora ocupou Josu Juaristi, de EH Bildu, en aplicación daquel acordo electoral. Miranda xa fora eurodeputada entre xaneiro de 2012 e xullo de 2013, tamén grazas a unha coalición do BNG con outras forzas que implicou igualmente o reparto do tempo de ocupación efectiva do escano. E previamente formara parte do equipo de Camilo Nogueira cando este obtivo por primeira vez un escano para o BNG na Eurocámara, entre 1999 e 2004. O papel de Miranda como portavoz do BNG en Bruxelas vén sendo clave para que as institucións europeas se interesasen polo accidente de Angrois.

“Xa na pasada lexislatura fomos máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos”

Que pode facer en pouco máis dun ano que queda de lexislatura?

Continuar o traballo que se estaba facendo. O escano é unha continuación da coalición desta lexislatura e o feito de que o BNG poida presentar preguntas e iniciativas directamente. Que poida traer o tema do Alvia, o xeito, a precariedade, os preferentistas, os emigrantes retornados ou a liña de alta tensión de Arbo. Eu fago a pregunta ao revés. Que fixeron os demais en tres anos e medio? Eles o saberán, pero nós si sabemos o que podemos facer nun ano e pico porque xa na pasada lexislatura fomos bastante máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos. Creo que non é unha consideración de tempo senón da intensidade e dos temas que se traian. Eu teño unha prioridade social, dos sectores produtivos e da liberdade de expresión, porque esta última temática por desgraza está á orde do día.

“As iniciativas políticas sobre Angrois non achegan ruído senón beneficio para poder esclarecer se se cumpriu a normativa ou non”

Di que o accidente de Angrois é unha das súas prioridades, pero, os movementos políticos ao respecto non poden supor un ruído prexudicial para a causa xudicial?

Creo que ao contrario. Que exista unha comisión de investigación política no Congreso dos Deputados é máis que necesario. Tiña que estar feita hai moito tempo. Eu o que estou facendo aquí é un seguimento técnico-político do asunto. Estou en contacto directo cos máximos responsables de seguridade ferroviaria da Comisión Europea e da Axencia Ferroviaria Europea, cos responsables directos a nivel Parlamento e Comisión, seguindo o procedemento de infracción que pediu o BNG en xullo de 2017. Máis que ruído é beneficio para poder esclarecer se se cumpriu a normativa ou non. Creo que é sumatorio e sinceramente creo que a única esperanza de que se faga algo vai estar no que saia de aquí. Porque ademais xa se viu, que o que marca un antes e un despois é o informe da Axencia Ferroviaria Europea en 2016 [que dixo que España non investigara ben o sinistro e que non avaliara como debía o risco existente na curva] que marca unha tendencia de cambio en todo, incluída a investigación xudicial.

"O Parlamento Europeo ten a decisión do orzamento final que haxa para o pacto do Brexit"

Na anterior lexislatura a pesca foi outra das súas prioridades e nesta paira sobre o sector galego a ameaza do Brexit. Que pode facer o Parlamento Europeo ao respecto?

O Parlamento Europeo primeiro tense que preocupar do impacto que vai ter o Brexit en todos os territorios, non só do que ten que achegar financeiramente. O que imos trasladar é o impacto que pode ter no noso país, e a pesca é quizais o sector que pode estar máis afectado pola saída do Reino Unido. Pero tamén o impacto na libre circulación de persoas, nos galegos que viven no Reino Unido e que poden verse afectados tanto no sistema sanitario como no propio permiso de residencia. Temos moita xente alá pola que hai que preocuparse. Temos previsto facer unha xornada en Londrés para explicar aos galegos as consecuencias do Brexit en materia de libre circulación de persoas. Preocúpanos moito.

A pregunta é, que nivel de competencias ten o Parlamento Europeo para impor os seus criterios nas negociacións da Comisión ou o Consello?

O Parlamento Europeo ten a decisión do orzamento final que haxa nese pacto do Brexit. Pero está claro que o maior nivel de competencia segue a estar en mans dos estados neste caso.

"Galicia está observada por Bruxelas, non é normal que o saneamento das rías non estea completado tantos anos despois habendo fondos europeos"

Se a orzamentaria é a principal competencia do Parlamento Europeo, que nivel de fondos comunitarios cre que poderá manter Galicia nos próximos orzamentos para o período 2021-2027?

O impacto do Brexit vai ser tan cuantioso que vai afectar á política de cohesión europea. Xa o están anunciando tanto os comisarios como algúns estados. O que pasa é que vai depender moito do lobby que deberían facer algúns gobernos. Nós estabamos nunha situación de transición. Os niveis de renda en Galicia en canto á cuantificación de Eurostat son maiores, pero en canto a benestar social e calidade de vida e laboral é peor. Estamos nunha situación paradoxal porque aínda que nas estatísticas aparezamos nunha situación mellor que outros territorios, porque entraron na UE territorios máis pobres, Galicia está cunha calidade de vida baixísima. E con procesos inacabados en infraestruturas, co saneamento das rías como exemplo clásico. Neste momento, ou se negocia incluíndo outros criterios, como a emigración xuvenil ou a demografía, ou estamos nunha situación moi complicada para Galicia, que nunca vai ter os fondos que tivo e que co impacto do Brexit vai estar moito máis afectada. Hai que negociar finamente para que os fondos que queden sexan realmente ben distribuídos. Inda por riba Galicia está observada por non execución dalgúns fondos como pode ser o Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). Non é normal que habendo fondos europeos para o saneamento non estea completado tantos anos despois.

En que idioma vai falar na Eurocámara?

Vou falar na nosa lingua, claro, coas súas adaptacións necesarias para que a interpretación asuma que é galego-portugués, mais tamén vou falar en inglés, francés, alemán, e español por suposto. Nas outras linguas cando corresponda. Se políticamente considero máis interesante nalgún momento falar co comisario Barnier [Michel, responsable da negociación do Brexit] en francés sobre o Brexit, fareino. Dependerá das circunstancias. Pero a maior parte das intervencións van ser na nosa lingua.

"Se en 2019 o BNG quere que continúe, eu teño total disposición"

Que vai facer Ana Miranda nas eleccións europeas de maio de 2019?

O que queira o BNG. Se o BNG quere que quede, que continúe, eu teño total disposición.

Ana Miranda, coas vítimas de Angrois na Comisión de Peticións da Eurocámara CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.