Denuncias abertas: contaminación das nosas Rías, Nunca Máis

Cando Camilo Nogueira foi eurodeputado no 1999, chegaron a Bruxelas daquela, varias denuncias sobre o estado de contaminación das rías. Cando eu fun eurodeputada, 13 anos despois, as denuncias continuaban abertas no Parlamento Europeo.

Así que entre as primeiras accións parlamentares do escano nacionalista galego, escoitando e transmitindo as demandas  dos colectivos denunciantes, solicitei, como membro da Comisión de Peticións  o que pedían peticionarios e denunciantes dende a ría do Burgo, Barallobre e Vigo: o saneamento integral das rías e unha misión de investigación do Parlamento Europeo ás rías galegas que puidese contribuír a ese obxectivo que é un clamor continuo destes colectivos. Viñemos no mes de febreiro de 2012, co fin de investigar o estado das rías, de manter encontros cos denunciantes e coas administracións e de contribuír a achegar solucións para o saneamento integral. Viñemos porque foi a demanda da cidadanía, que non se sentía escoitada por estes gobernos impasibles que prefieren salvar o seu coiro que aceitar a súa ineficacia. Viñemos por responsabilidade, porque non se cumprían as directivas aplicables –de augas, de cría de moluscos, de tratamento de augas residuais urbanas-, incumprimento que abriu un procedimento de infracción comunitario contra o Estado español.

    As denuncias abertas foron presentadas polos peticionarios, a título individual ou colectivo, que fixeron presión social e política, cansos de non ser escoitados, cansas da pasividade, cansos da falla de cumprimento da normativa

E insisto, estas denuncias abertas foron presentadas polos peticionarios, a título individual ou colectivo, que fixeron presión social e política, cansos de non ser escoitados, cansas da pasividade, cansos da falla de cumprimento da normativa, cansas da degradación medio ambiental, cansos da falla de transparencia e de información. Persoas que aman noso mar, nosa terra, que conviven del e viven del, que queren que se preserve o medio ambiente, e que queren vivir nun entorno limpo, no que conviva xente e natureza, economía e crecemento sustentable. Non é para que merezan todo o noso respeito?. O meu téñeno e quero agradecerlles públicamente o traballo en equipo, a confianza depositada.

Denuncias abertas porque as administracións responsables pouco fixeron nestes anos para combater a contaminación das rías, pois Galiza recibiu moitos fondos de cohesión para o saneamento das augas que non sempre foi ben empregado: retrasos, incumprimentos, mentiras, desleixos, falla de investimentos  -lembremos os últimos orzamentos do estado-, promesas incumpridas, e mesmo fraudes –casos abertos pola OLAF.

    Temos que protexer as rías, coidalas, acariñalas, blindalas de verquidos e de incumprimentos continuados, garantir a súa sustentabilidade medioambiental, social e económica

As nosas rías son un ecosistema único de biodiversidade, un recurso público marítimo pesqueiro, fonte de vida e de economía, paisaxe única, característica xeográfica singular, noso entorno e mirador, nosa riqueza  e xeito de vida como pobo. Temos que protexelas, coidalas, acariñalas, blindalas de verquidos e de incumprimentos continuados, garantir a súa sustentabilidade medioambiental, social e económica. De preservalas, vai depender tamén noso futuro. De deixalas ser bancos de lodo e lixo, falaremos das rías como lugares mortos. E non podemos permitir iso. Por iso é tan importante que a cidadananía, de xeito individual ou organizada en colectivos, asociacións, plataformas, tome a concencia de denunciar os delitos ecolóxicos, de esixir que as administracións competentes cumpran coa normativa.

    O PP tratou de devaluar os contidos do relatorio, en especial os contidos críticos coa única finalidade de lavarlle a cara aos gobernos galego e español

Do cumprimento da normativa e da procura de solucións é do que debía tratar o relatorio que deba saír do Parlamento Europeo. Un relatorio que debía ter sido aprobado hai moitos meses, senon fose pola interferencia, insolencia e manipulación do Partido Popular. Para empezar, non querían que a misión viñera antes das eleccións galegas. Dende abril de 2013, levan mareando, manipulando o presidente da delegación visitante, o conservador francés Boulland, que ao ver a ría do Burgo afirmou “esto é unha inmundicia, como poden ter as administracións unha ría neste estado”. O PP tratou dende aquela de devaluar os contidos do relatorio, en especial os contidos críticos coa única finalidade de lavarlle a cara aos gobernos galego e español, en lugar de acadar as solucións para limpar as rías e loitar contra a contaminación. O relatorio que ten que ser aprobado tiña que contar do consenso dos tres membros da delegación, o eurodeputado francés e das eurodeputadas, Tatjana Zdanoka, letona do noso grupo Verdes-ALE  e Angelika Werthmann, austriaca do grupo liberal. Boulland, presionado polo PP, manobrou para sacar unha versión monocor a gusto do PP, sen case consultar con elas. Elas fixeron outro relatorio. Como el non daba o brazo a torcer e quería impor un criterio único, tivo que mediar a presidenta da Comisión de Peticións, a italiana conservadora Erminia Mazzoni, sen acadar unha solución porque as dúas eurodeputadas, conscientes do que viron e escoitaron en Galiza, non aceipaban un relatorio descafeinado, pouco realista e xusto, no que mesmo foron retiradas as manifestacións do mesmo goberno da Xunta no que se admitían problemas no estado das rías galegas que motivaron a apertura de varios procedimentos de infración comunitaria e a mesma misión de investigación do Parlamento Europeo.

    As eurodeputadas non aceptaban un relatorio descafeinado, pouco realista e xusto, no que mesmo foron retiradas as manifestacións da Xunta na que se admitían problemas no estado das rías galegas

Ao PP pouco lle importa achegar solucións para completar o saneamento integral das rías e prefire enredar, mentres se vai perdendo riqueza medioambiental, económica, mentras se van degradando os bancos marisqueiros como acontece na ría do Burgo,  mentras hai pequenos Prestiges continuos, diarios, consecuencia dos verquidos incontrolados, da falla de tratamento en orixe dos residuos industriais, da  falla de instalación de colectores separativos de augas pluviais  e dos ríos das augas fecais, da falla de garantías de que a rede de saneamento funcione axeitadamente.

O martes, ambas as dúas eurodeputadas, que non se dobregan ás fortes presións que o PP está a facer,  pediron que se retirase da orde do día da Comisión de Peticións o debate sobre o informe que de tan descafeinado e unipolar que estaba, elan non sentían que se recollía a voz das demandas dos e das peticionarias. Agora virá o PP dicindo que son elas quen retrasan o relatorio. Debates baleiros, mentres hai un clamor para solucionar o problema de contaminación das nosas rías. Un Nunca Máis diario, paseniño, incansable, permanente, que representa á pesca artesanal, ao marisqueo, á acuicultura extensiva, á saúde, ao medio ambiente e a quen defende o ecosistema, á calidade das augas, á sociedade consciente que defende o que non defende as administracións e esixe solucións.

Porque as denuncias están abertas, por respeito aos colectivos, asociacións e plataformas, por respeito ao traballo realizado por eurodeputadas valentes como a letona Tatjana Zdanoka e Angelika Werthmann, respectuosas e transmisoras das demandas  da sociedade civil, e sobre todo por respeito ao meu Pobo, tiña a obriga de describir e denunciar publicamente os feitos que provocan o atraso e a manipulación do PP no compromiso de que non imos permitir que traizoen toda esa cidadanía incansable da que, debo dicir, tanto aprendín.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.