A última memoria anual da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), agora feita pública, aínda non considera materializada a petición de 2013 de que se fagan análises de risco específicas nas liñas ferroviarias
A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes vén de facer pública a súa última memoria anual, correspondente a 2022, que como cada ano repasa o grao de cumprimento das recomendacións de mellora da seguridade ferroviaria formuladas polos investigadores tras accidentes ocorridos en anos previos. Nese listado de medidas que cada ano se van dando por cumpridas segue sen aparecer tampouco no novo informe anual unha das nove recomendacións formuladas tras o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas.
Daquela os investigadores oficiais pediron, entre outras cuestións, que se fagan análises de risco específicas das liñas ferroviarias, por cuxa ausencia en Angrois vén de ser xulgado, xunto co maquinista do Alvia, un cargo de Adif que non as vía necesarias. O xuízo rematou o pasado xullo e está pendente de emitirse a sentenza. E de momento na vertente técnica do caso a CIAF segue sen considerar cumprida a súa recomendación.
Oito das nove recomendacións de mellora da seguridade ferroviaria emitidas pola CIAF tras o accidente de Angrois foron considerándose cumpridas ao longo dos dez anos que xa pasaron desde o sinistro. Así o foron reflectindo os técnicos da CIAF nas memorias anuais feitas públicas nestes anos.
En xullo de 2014 o ministerio regulou o uso dos dispositivos de comunicación dos maquinistas. En outubro de 2015 deuse por cumprida a elaboración dunha nova regulamentación para sinalizar con balizas nas vías todas as redución significativas de velocidade como a que había na curva de Angrois, e implantáronse esas balizas. E así ata 2018, cando a CIAF deu por cumprida a súa recomendación de estender o uso de dispositivos de gravación do que ocorre nas cabinas dos trens. [Nesta peza do pasado xullo repasamos o cumprimento de cada medida]
Pero fronte ás oito recomendacións de mellora da seguridade implantadas en maior ou menor grao durante os últimos dez anos, as memorias anuais da CIAF seguen sen dar por cumprida unha novena, a referida ás análises de riscos.
A recomendación pedía textualmente “no proceso de posta en servizo de novas liñas ferroviarias e variantes, incluír unha análise de riscos específica que recolla a identificación e xestións dos posibles perigos que se deriven da interacción dos diferentes subsistemas, en condicións de operación normais e degradadas, e a súa vinculación co persoal de condución e circulación que interveña cando un tren circula desde o principio ata o final da liña ou variante, e a súa conexión coa rede existente”. A CIAF tamén pedía “analizar a viabilidade da súa implantación tamén nas diferentes fases de construción” e “promover, nos casos en que estea motivado, a aplicación de dita análise de riscos ás liñas en servizo”.
A Comisión Europea mantén aberto desde 2019 un procedemento de infracción contra España no que analiza entre outras cuestións se están a facerse "avaliacións de risco adecuadas"
Por esa ausencia dunha análise de riscos que detectase o perigo que había en Angrois dun erro humano previsible como o que cometeu o maquinista, que non freou a tempo antes da curva ao despistalo unha chamada do interventor, está acusado tamén un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif. Tanto el como a empresa pública aseguraron no xuízo polo accidente que esas análises de riscos non eran nin obrigatorias nin necesarias, e, á espera do que resolva ao respecto a sentenza penal prevista para comezos de 2024, o Estado leva unha década sen concretar a súa implantación, incumprindo así as súas propias recomendacións. Porén, a Axencia Ferroviaria da UE di que si se debían avaliar ese tipo de riscos e a Comisión Europea, que o pasado xullo insistiu na cuestión, mantén aberto desde 2019 un procedemento de infracción que analiza se España está a facer “avaliacións de risco adecuadas”.
Esa recomendación da CIAF, a denominada 54/13-5, segue sen aparecer como cumprida no listado de medidas aplicadas en cada exercicio que recollen as memorias anuais dos investigadores. De feito, das 30 recomendacións emitidas nos 17 accidentes ou incidentes de 2013, non só por Angrois, a memoria anual agora feita pública considera como cumpridas 29, o 97%.