Poucas horas antes do undécimo aniversario do accidente de Angrois e no que semellan as vésperas da primeira sentenza xudicial sobre o caso, a Plataforma Víctimas Alvia 04155 volveu outra volta a Santiago. Como cada ano, para lembrar as 80 persoas falecidas as 144 feridas no sinistro. Pero tamén para reclamar "xustiza" fronte á "razón de Estado".
A Plataforma Víctimas Alvia 04155 volve manifestarse en Santiago no undécimo aniversario do accidente
Esa "razón de Estado", explicaron no manifesto lido na compostelá Praza do Obradoiro, ao termo da marcha reivindicativa iniciada perante a estación ferroviaria da capital galega, foi a que levou a "protexer o Adif" e "a alta velocidade". Pero tamén a unha persoa, Andrés Cortabitarte, o ex-xefe de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias que chegou acusado ao xuízo ao mesmo nivel que o maquinista do tren, Francisco José Garzón.
Cortabitarte foi procesado en pé de igualdade que o maquinista, pero na recta final do xuízo o fiscal do caso, Mario Piñeiro, retirou a acusación sinalando, entre outros aspectos, que o "galimatías xurídico" das normas ferroviarias impide culpalo. Desta maneira, din as vítimas, "o Estado volve ao pacto da curva", en referencia ao termo acuñado polo xornalista Anxo Lugilde para referirse á intención das direccións estatais de PP e PSOE na época do accidente de non inculparen os seus respectivos gobernos no sinistro.
O colectivo de vítimas agarda unha "sentenza xusta" que sinale a "maior responsabilidade" do xefe de seguridade do Adif acusado no proceso e exculpado polo fiscal: "Non cumpriu co seu deber de garantir que a liña era segura"
Ese "pacto da curva", afirma a asociación de vítimas, céntrase en "sinalar o maquinista" como único culpable malia "haber maior responsabilidade en Cortabitarte". "Como dixo o fiscal antes do seu xiro de guión", resaltan, "non cumpriu co seu deber de garantir que a liña era segura" e "desconectou o ERTMS" -o sistema de control constante da velocidade" a bordo dos Alvia "sen avaliar o risco".
O fiscal do caso, o fiscal xeral do Estado, os ex-ministros Blanco e Pastor, a Xunta -polo seu papel na designación de peritos- ou a Avogacía do Estado estiveron tamén no albo das críticas dunha manifestación na que, non obstante, o colectivo de vítimas tamén quixo expresar a esperanza en torno á sentenza que, segundo puideron saber, "sairá nuns días". "Esperemos que sexa xusta", afirman.