O ministro defende o traballo "desde 2007" da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, cuxas conclusións sobre Angrois poñendo o foco só no maquinista foron desbotadas pola xustiza
"Desde 2007 a CIAF leva analizando 270 sinistros e nese sentido nunca houbo ningunha dúbida ao respecto da profesionalidade e do carácter técnico". Así se pronunciou este martes o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros ante as dúbidas sobre a independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). Porén, a súa investigación sobre o accidente de Angrois de 2013, poñendo o foco só no maquinista, foi desmontada pola Unión Europea por fallos de forma e fondo e a xustiza desbotou as súas conclusións, condenando tamén a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif.
Segundo Grande-Marlaska "nunca" desde a súa creación en 2007 a CIAF foi posta en dúbida. Porén, en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea considerou inválida a súa investigación sobre o accidente de Angrois. Por unha banda constatou a súa falta de independencia porque os seus membros, a maioría ex-traballadores de Renfe ou Adif, eran nomeados directamente polo daquela Ministerio de Fomento. Por outra, sobre o fondo da súa análise a axencia europea criticou que se centrara só no maquinista e non pescudara as "causas fundamentais", ademais de non dar voz ás vítimas
A UE abriu dous procedementos de infracción polo xeito en que a CIAF investigaba os accidentes e a Audiencia da Coruña constatou que o seu informe de Angrois "dada a orixe dos seus compoñentes, non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes"
A Comisión Europea chegou a abrir dous procedementos de infracción contra España relacionados coa CIAF. O primeiro, pola súa falta de independencia, pechouse en 2016 logo de que o Goberno a reformase para que os seus membros non fosen nomeados directamente polo ministerio senón propostos por este e aprobados polo Congreso. O segundo, aberto en 2019, analizou entre outras cuestións a metodoloxía seguida pola CIAF para investigar os accidentes tras detectar "deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes e incidentes". O procedemento de infracción foi pechado en 2024 cando a UE considerou que España estaba implantando as melloras necesarias.
Ese mesmo 2024 o Goberno de España volveu impulsar outra reforma da CIAF, desa volta coa aprobación dunha lei para crear unha entidade única de investigación de accidentes ferroviarios, aéreos e marítimos con orzamento propio independente do ministerio. Esa lei está aínda pendente de desenvolver e o novo ente aínda non ten data de entrada en funcionamento.
Por outra banda, a investigación que a CIAF fixo do accidente de Angrois de 2013 foi tamén descualificada pola xustiza española. Durante a instrución do caso a Audiencia Provincial da Coruña dixo que o seu informe "dada a orixe dos seus compoñentes, non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes". E a sentenza do caso que acabou condenando ao cargo de Adif xunto co maquinista obviou as conclusións da CIAF e prestou máis atención a outras peritaxes independentes encargadas polo xulgado instrutor.
Malia estes antecedentes, o ministro do Interior dixo este martes que "desde 2007 a CIAF leva analizando 270 sinistros e nese sentido nunca houbo ningunha dúbida ao respecto da profesionalidade e do carácter técnico".