O socialista e a popular estaban á fronte de Fomento cando se reduciu respectivamente a seguridade nas vías e no tren, mentres que a segunda é cuestionada tamén polas vítimas polos obstáculos postos ás investigación
“Evidentemente non se pode acusar á ministra Ana Pastor ou ao ministro José Blanco de cometer 80 homicidios imprudentes, pero si hai moitas responsabilidades políticas e moitas respostas que teñen que dar no Congreso”. A frase é do presidente da plataforma de vítimas do accidente de Angrois nunha entrevista con este diario e as respostas intentarán atoparse este luns, ás 16.00 horas, na comparecencia dos dous ex-ministros de Fomento na comisión de investigación política aberta máis de cinco anos despois dun sinistro no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. Blanco estaba no cargo cando se inaugurou esa liña de AVE Ourense-Santiago con menos seguridade da inicialmente prevista, e Pastor puxo en servizo nela os trens Alvia dos que aos poucos días se desconectou o sistema de control da velocidade, decisións nas que as vítimas queren coñecer o papel xogado polos daquela ministros. Ademais, Pastor é cuestionada tamén polos afectados polos obstáculos postos por Adif e Renfe ás investigacións posteriores sobre o sinistro.
Hai dous meses o xuíz instrutor propuxo levar a xuízo ao maquinista e aun ex-director de Adif con PSOE e PP que negou en varias ocasións ter recibido ningunha presión política
A comparecencia de Blanco e Pastor no Congreso prodúcese dous meses despois de que o xuíz instrutor da causa penal propuxese, co apoio do fiscal, dar por rematada esa investigación e xulgar ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, e a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, no primeiro caso por despistarse e non frear a tempo o tren Alvia antes da curva de Angrois, na que descarrilou, e no segundo por non habilitar medidas que evitasen ese previsible erro humano. Nas súas comparecencias tanto no xulgado como no Congreso o pasado outubro, Cortabitarte, en cargos de libre designación con PSOE e PP, sempre negou recibir presións políticas para tomar as decisións que tomou, pero está por saber cantos detalles coñecían Blanco e Pastor sobre esas decisións.
Blanco inaugurou o AVE Ourense-Santiago no que ocorreu o accidente en decembro de 2011, xa como ministro en funcións tras perder o PSOE as eleccións xerais celebradas unhas semanas antes. Un ano antes, a proposta de Renfe, Adif modificara o proxecto orixinal da liña para operala en ancho de vía ibérico e non no ancho internacional do resto dos AVE. A medida pensouse para evitar demoras derivadas da instalación de cambiadores de ancho nun treito illado do resto da rede de alta velocidade, pero a supresión deses cambiadores acabou derivando nunha serie de modificacións da configuración de seguridade, validada finalmente por Cortabitarte, que deixaron sen protección a curva de Angrois.
Posteriormente, en xuño de 2012, xa con Pastor á fronte de Fomento, comezaron a operar entre Ourense e Santiago os trens Alvia, nos que unha semana despois Renfe pediu a Adif desconectar a bordo o sistema de control constante da velocidade porque fallaba. Varios expertos veñen sinalando que eses fallos non afectaban á seguridade senón que só provocaban demoras dos trens. Novamente Cortabitarte foi quen autorizou desde Adif esa desconexión do sistema, que permaneceu avariado ata máis dun ano despois de ocorrido o accidente.
Tras o accidente Pastor prometeu colaboración coas investigacións pero Adif e Renfe ocultaron e demoraron en varias ocasións a entrega de documentación relevante
Ademais deses dous feitos centrais para a investigación xudicial (a modificación da seguridade da liña en 2010 e a desconexión do sistema de control da velocidade nos Alvia en 2012), tras o accidente a ministra Pastor, noutra comparecencia parlamentaria, prometeu máxima colaboración coas investigacións. Porén, con ela á fronte de Fomento foron varias as ocasións en que o xulgado apercibiu a Adif e Renfe por ocultar ou demorar a entrega de documentación relevante para a instrución. Hai tres semanas, nesta mesma comisión, o ex-ministro Rafael Catalá, daquela número 2 de Pastor, negou ter obstaculizado a investigación para culpar o maquinista e dixo que volvería actuar igual.
Igualmente, a investigación técnica do propio ministerio, que concluíu atribuíndo o sinistro exclusivamente ao despiste do maquinista e na que se baseou inicialmente a investigación penal, foi descualificada pola UE pola súa falta de independencia. O máximo responsable daquela investigación compareceu en outubro no Congreso e culpou inicialmente a Pastor de non permitirlle reabrir aquela análise para, ás poucas horas e tras mobilizarse a contorna da popular, rectificar.
E hai dúas semanas, tras anos de presión da plataforma de vítimas, a Comisión Europea anunciaba a apertura dun novo procedemento sancionador a España por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria de 2004, o que afectaría a varios gobernos desde aquela, en materias como a investigación dos accidentes, a supervisión da seguridade ferroviaria ou as análises de riscos, cuestión que a investigación penal do sinistro considera clave.
Nestes cinco anos e medio, a única destitución ou dimisión produciuse aínda o pasado setembro, a do director de Seguridade de Renfe que solicitou desconectar a seguridade dos Alvia e que en decembro foi desimputado na causa xudicial
Durante os cinco anos e medio que pasaron desde o accidente, a única destitución ou dimisión relacionada co mesmo produciuse aínda o pasado setembro. Foi a do director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, a persoa que solicitou en 2012 ao seu homólogo de Adif a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control da velocidade. Estaba imputado na causa xudicial desde outubro de 2017, pero non deixou o cargo que ocupaba desde principios da pasada década ata que as vítimas, que xa llo pediran sen éxito a anteriores ministros de Fomento, llo volveron solicitar ao actual, o socialista José Luis Ábalos. Tres meses despois o xuíz propuña desimputar a Lanchares e seguir a causa só contra o seu homólogo en Adif, Cortabitarte, que segue a ocupar un cargo inferior de libre designación pero con competencias moi limitadas e alleas á área de seguridade.
Tanto Blanco como Pastor xa se reuniron no pasado con representantes das vítimas, ante os que o primeiro negou presas para inaugurar a liña ferroviaria lembrando que a súa apertura fora prevista moito antes de fixarse as eleccións de 2011, mentres que a segunda insistiu nas súas reiteradas apelacións ao apoio aos afectados e á colaboración coa xustiza. Porén, durante máis de catro anos tanto PP como PSOE se opuxeron a que esas explicacións se desen nunha comisión de investigación política no Congreso que só foi posible tras o cambio de postura dos socialistas despois de que Pedro Sánchez retornase á secretaría xeral do partido. Agora Blanco, deputado no Parlamento Europeo, e Pastor, presidenta do Congreso no que desta volta terá que actuar como comparecente, darán as súas explicacións ante a Cámara, coas vítimas manifestándose ás súas portas esixíndolles responsabilidades políticas e co foco xudicial xa centrado nun ex-cargo de Adif durante gobernos tanto socialistas como populares que asegura que non recibiu presións políticas para tomar as decisións que tomou.