O 9 de agosto de 2013, dúas semanas despois do accidente do tren Alvia na curva de Angrois que deixou 80 mortos e 144 feridos, a daquela ministra de Fomento, a popular Ana Pastor, compareceu no Congreso dos Deputados e, entre outras cousas, anunciou unha auditoría xeral da seguridade en toda a rede ferroviaria española. Nunca máis se soubo daquela análise ata agora, que vén de ser obtida pola plataforma de vítimas do sinistro en aplicación da lei de transparencia. Segundo Fomento, aquela auditoría reflectiuse en tres documentos. O elaborado por Renfe, que conclúe garantíndolle ao ministerio o seu “total cumprimento” da normativa de seguridade, foi asinado polo seu daquela director de Seguridade na Circulación, Antonio Lanchares, imputado hai un ano na causa xudicial e que vén de deixar o cargo cinco anos despois.
Antonio Lanchares, que vén de deixar a Dirección de Seguridade de Renfe e de quen o xuíz sospeita que puido ser corresponsable do sinistro, rubricou un dos informes elaborados a petición de Fomento en 2013 pero non divulgados ata agora
Segundo o relato que fixo no seu momento a ministra Pastor no Congreso, ao día seguinte do accidente o ministerio encargou unha auditoría da seguridade de toda a rede ferroviaria, estudo de cuxa coordinación se encargou o daquela secretario de Estado e despois ministro Rafael Catalá. En abril de 2014 coñeceríanse as conclusións dunha denominada comisión científico-técnica de expertos que Fomento creou de xeito paralelo para analizar posibles melloras do sistema ferroviario español, con diversas recomendacións en materia de seguridade. Pero da auditoría anunciada previamente sobre a situación da seguridade no momento do accidente nunca máis se soubo ata que hai uns meses a plataforma de vítimas do sinistro decidiu solicitala a través dos mecanismos habilitados pola lei de transparencia. Inicialmente o Goberno, co PP aínda nel, rexeitou a petición. As vítimas recorreron ante o Consejo de Transparencia, que lles deu a razón, e Fomento, xa co PSOE no poder, remitiulles en agosto a información que solicitaban.
Segundo o ministerio, aquela auditoría reflectiuse en tres informes elaborados pola Dirección Xeral de Transporte Terrestre, a Dirección Xeral de Ferrocarrís e Renfe. Os documentos conclúen que en liñas xerais cumpríase a normativa ferroviaria tanto no referente á liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente de Angrois como no resto de liñas, con eivas menores como a ausencia de libro de reclamacións a bordo de algúns trens detectada por varias inspeccións.
“Conclúese da análise realizada o total cumprimento por parte de Renfe-Operadora das disposicións vixentes na Lei do Sector e nas normas que a desenvolven”, asina Lanchares na auditoría encargada en 2013
O documento elaborado por Renfe, que recolle as homologacións e certificados conforme cumpría cos requisitos para operar como empresa ferroviaria en xeral e na liña Ourense-Santiago, era directo: “Conclúese da análise realizada o total cumprimento por parte de Renfe-Operadora das disposicións vixentes contidas na Lei do Sector e nas normas que a desenvolven”. O documento asínao xusto a continuación desa conclusión o director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, imputado desde hai un ano na causa xudicial que investiga o accidente, o que propiciou a súa saída do cargo a comezos deste mes de setembro.
Sinatura de Antonio Lanchares dicindo que Renfe cumpría coa normativa na auditoría encargada por Ana Pastor tras o accidente
Lanchares foi quen en xuño de 2012, un ano e un mes antes do sinistro, pediu ao seu homólogo de Adif, Andrés Cortabitarte, permiso para desconectar o sistema de control constante da velocidade propio do AVE (ERTMS) a bordo dos trens Alvia na liña entre Ourense e Santiago porque daba fallos. A avaría, que Adif sempre defendeu que se producía nos trens e non nas súas vías, debería estar reparada nun mes, pero non foi así e os Alvia seguiron circulando sen ERTMS ata que un ano e un mes despois un deles descarrilou en Angrois por exceso de velocidade. Tras ese sinistro, Adif instalou outras medidas de seguridade convencionais, pero o ERTMS non foi reparado e posto en servizo novamente a bordo dos Alvia de Renfe ata outro ano e un mes despois, en agosto de 2014.
Durante o anterior Goberno, Renfe eloxiou e avalou a Lanchares, ao que mantivo no seu posto
En total, baixo a dirección de Lanchares o ERTMS permaneceu desactivado a bordo dos Alvia dous anos e dous meses. Hai un ano o xuíz argumentaba a necesidade de imputalo na investigación, xunto co maquinista e outros técnicos, polo xeito en que desactivou o sistema “sen que conste que, con carácter previo, se realizase unha previa avaliación do risco que podería representar para a seguridade na circulación tal desconexión”. Durante o anterior Goberno do PP Renfe eloxiou e avalou a Lanchares, ao que mantivo no seu posto.