O día que o Discoverer Entrerprise lle regalou a Audasa 25 anos máis de concesión da AP-9

O Discoverer Entrerprise, encaixado na Ponte das Pías, entre Fene e Ferrol CC-BY-SA PepedoCouto

Hemeroteca

A cambio desta obra e da supresión da peaxe no treito Vigo-Teis, Audasa obtivo a posibilidade de seguir cobrando en toda a vía ata o ano 2048, ampliando 25 anos máis unha concesión que ía rematar en 2023

Hai 20 anos. Na madrugada do 13 de xaneiro de 1998 (un martes e 13, por certo) o forte vento fixo que o Discoverer Enterprise, unha plataforma petrolífera móbil de 254 metros de eslora atracada nun dos peiraos do estaleiro de ASTANO, rompese as súas amarras, quedando á deriva para acabar chocando e destruíndo a Ponte das Pías, que une Fene e Ferrol. O accidente (cuxas imaxes pódense ver no vídeo gravado aquela mañá por César Galdo) provocou unha situación de caos nos meses seguintes na comarca de Ferrolterra. A principal vía de comunicación da comarca desaparecera, e os milleiros de vehículos que cada día a usaban tiveron que buscar vías alternativas, recuperando o vello camiño de entrada e saída de Ferrol, a través da Estada de Castela en Narón e de Neda, xerando importantes atascos.

A resposta do Goberno de José María Aznar foi aprobar, tres días despois do accidente, a construción do treito da AP-9 entre Fene e o acceso norte a Ferrol, 9 quilómetros que estarían ademais libres de peaxe. A cambio desta obra e da supresión da peaxe no treito Vigo-Teis, Audasa obtivo a posibilidade de seguir cobrando en toda a vía ata o ano 2048, ampliando 25 anos máis unha concesión que ía rematar en 2023.

Ponte da AP-9 sobre a ría de Ferrol, entre Narón e Neda CC-BY-SA PepedoCouto

En 1973 Autopistas del Atlántico recibiu do Goberno franquista a concesión que lle permitiría cobrar por circular pola autoestrada entre Fene e Tui ata o ano 2012, subliñando o texto da adxudicación que a concesión non se podería estender máis aló do ano 2018. As obras comezaron en 1976 e en 1977 o límite do 2012 foi xa ampliado ata 2013. O primeiro Goberno do PSOE mercou Audasa, integrándoa na Empresa Nacional de Autopistas, e ampliou a obriga de pagar peaxe dez anos máis, ata o ano 2023, estendidos outros 25 anos nese 1998, tralo accidente das Pías. A autoestrada comezara a ser un gran negocio xa dende comezos dos ano 90 (en 1992 completouse a conexión entre Vigo e A Coruña) e en 2003 o Goberno de José María Aznar privatizouna a cambio de 1.586 millóns de euros. 

Este mesmo ano as obras de ampliación da Ponte de Rande foron aproveitadas pola empresa para asegurarse un incremento da peaxe dun 1% anual en toda a autoestrada durante os vindeiros 20 anos

Así pois, a tan demandada mellora das comunicacións na comarca de Ferrolterra (a construción dunha vía de alta capacidade entre Fene e Ferrol fora prometida por todos os Gobernos dende o ano 1991) e a gratuidade da peaxe nese treito vigués serviron para que Audasa seguise cobrando ata o 2048, case 70 anos despois da inauguración do primeiro treito. Aínda este mesmo ano as obras de ampliación da Ponte de Rande foron aproveitadas pola empresa para asegurarse un incremento da peaxe dun 1% anual en toda a autoestrada durante os vindeiros 20 anos.

Imaxes do accidente do Discoverer Enterprise, gravadas por César Galdo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.