0 Gardados para despois

15 anos do Discoverer Entrerprise

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Era martes e 13. Aquela noite de 1998 un forte temporal bateu a costa galega e chegou a penetrar con ventos de 140 quilómetros por hora até o fondo da ría de Ferrol, no estaleiro de Astano, hoxe Navantia, en Fene. O Discoverer Entrerpriseunha plataforma petrolífera móbil de 254 metros de eslora, estaba atracada no peirao nº 10. O vento rachou as estachas que a mantiñan amarrada e a enorme plataforma comezou a moverse polas augas da ría. Un cuarto de hora chocou contra a Ponte das Pías que une Fene e Ferrol, partíndoa, e quedando encaixada nela.

As imaxes do buque deron a volta ao mundo. Na preamar da tarde do día 13 o Discoverer foi retirado con remolcadores, pero o dano estaba feito: a principal vía de comunicación da comarca desaparecera, e os milleiros de vehículos que cada día a usaban tiveron que buscar vías alternativas, recuperando o vello camiño de entrada e saída de Ferrol -até a inauguración da Ponte das Pías en 1998-, a través da Estada de Castela en Narón e de Neda. Oito quilómetros engadidos que durante seis meses foron escenario de constantes atascos. A ponte foi reconstruída -e desta vez con dous carrís en cada sentido- e pouco despois completouse por fin o treito da AP9 entre Ferrol e Fene -con case vinte anos de atraso- que foi ademais liberado de peaxe a cambio da extensión da concesión da via até o ano 2048.

Quedan as espectaculares imaxes dun suceso que naquela mañá do 13 de xaneiro de 1998. Pódense ver nesta reportaxe fotográfica de Carlos Rodríguez e Roberto Pena e sobre todo no vídeo que o xornalista César Galdo gravou aquela mesma mañá, nos primeiros minutos do accidente e no momento da súa recuperación ás cinco da tarde. Nas imaxes, en primeira liña, pódense ver algunhas autoridades e cargos públicos, coma o alcalde Juan Juncal, o delegado do Goberno Juan Miguel Diz Guedes ou o conselleiro Xosé Cuiña, desbordados por una situación totalmente inesperada.

Discoverer Enterprise

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.