Audasa é condenada por lesións e danos a un vehículo ao fallar unha barreira de peaxe

Pórticos de cobro con telepeaxe na AP-9 © Audasa

A concesionaria da AP-9 ten que pagar máis de 6.000 euros por danos cervicais froito da freada provocada e 1.300 polo golpe da barreira ao coche ante o "súbito peche do paso"

"O condutor do vehículo comprobou e tivo habilitado o paso, polo semáforo e con elevación da barreira, continuando confiado a marcha, pero veuse sorprendido polo súbito cambio do semáforo e baixada seguida da barreira". Así relata a Audiencia Provincial de Pontevedra o sinistro sufrido por un condutor que empregaba o sistema de telepeaxe ao fallar unha barreira de peaxe da AP-9, que golpeou o seu vehículo e obrigouno a frear provocándolle a el e unha acompañante danos cervicais.

Fragmento da sentenza que condena a Audasa por lesións e danos a un vehículo polo fallo dunha barreira de telepeaxe CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza da Audiencia de Pontevedra, con data do 7 de xaneiro, corrixe outra previa dun xulgado de primeira instancia desa mesma cidade que desestimara a demanda interposta polos afectados e o seu seguro contra Audasa. Pola contra, a Audiencia considera "determinante" para a súa decisión un vídeo "que plasma o ocorrido pouco antes e ao momento preciso do accidente".

O sinistro ocorreu nun pórtico de peaxe non exclusivo para o pagamento con telepeaxe (OBE) senón dos que permiten combinan ese sistema con outros modos de pagamento como a tarxeta de crédito. Porén, a Audiencia resta importancia a esa cuestión ao comprobar no vídeo que o comportamento previo da barreira nese pórtico con outros vehículos que empregaban o sistema de telepeaxe era similar ao dos pórticos exclusivos para ese sistema, que non require parar o vehículo. "A marxe do modo de pago da peaxe, o vehículo que dispón de OBE pode pasar en condicións se non iguais, moi similares ás do paso exclusivo OBE", di a sentenza.

Pórticos de telepeaxe na AP-9 © Audasa

A Audiencia de Pontevedra di que "non pode achacarse responsabilidade ao condutor" senón que "fallou o sistema unha vez franqueado e validado o paso"

Segundo a sentenza, o vídeo do ocorrido permite comprobar que tras pasar polo pórtico un vehículo anterior ao sinistrado a barreira baixara e o semáforo puxérase vermello. Despois a barreira levantouse e o semáforo pasou a verde, polo que a sentenza conclúe que "o condutor pasaba a peaxe tras comprobar que estaba en verde o semáforo e a barra levantada, cambiando a vermello aquel aínda estando a barreira alzada sendo que ao caer e baixar a barreira, xusto nese último momento, o condutor chegou a conseguir deter o coche sobre a zona da barreira". Así, o tribunal considera que "o seu OBE leuse polo sistema franqueándolle o paso para inmediata e subitamente cambiar a habilitación anterior cando xa estaba enriba da barreira", provocando a freada e o golpe da barreira contra o vehículo.

"Fallou o sistema unha vez franqueado e validado o paso, polo que non pode achacarse responsabilidade ao condutor", di a sentenza, que incide en que "este tampouco circulaba de modo inadecuado, como se segue de que puidese deter o coche rapidamente".

Sede da Audiencia de Pontevedra © Google

A sentenza considera probados os danos sufridos polo vehículo, duns 1.300 euros, e condena tamén a Audasa a indemnizar por danos cervicais ao condutor cuns 1.800 euros, á acompañante con 3.300 e ao seguro con preto de 1.200 por gastos sanitarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.