0 Gardados para despois

Audasa acumula unha década a recortar persoal mentres aumenta un 60% os beneficios

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En 1996 a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, tiña uns sesenta quilómetros menos que na actualidade, cuxo trazado se estende dende Ferrol ata a fronteira con Portugal, en Tui, nun total de 219,6 quilómetros. Daquela traballaban para Autopistas del Atlántico, concesionaria da principal vía de comunicación terrestre de Galicia, un total de 240 persoas. Ese cadro de persoal medrou durante case unha década, mentres tamén o facía a extensión da infraestrutura e os ingresos e beneficios da empresa que a xestiona. No entanto, a mediados da pasada década Audasa comezou un recorte de persoal no que afondou durante os anos da crise e que continúa a aplicar agora, cando o seu tráfico xa se recupera e os seus beneficios se incrementan a, practicamente, un ritmo do 60% anual.

A concesionaria da AP-9 reduciu 90 postos de traballo dende 2004

Segundo as contas anuais do 2015 que, correspondentemente auditadas, depositou Audasa na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a concesionaria pechou o pasado ano con 225 persoas no seu plantel, 135 homes e 85 mulleres. Son seis postos de traballo menos que un ano antes, dezanove menos que en 2012 e 90 traballadores e traballadoras menos que no ano 2004, cando o cadro de persoal de Audasa chegou a estear composto por 315 persoas.

Un terzo dos postos de traballo recortados por Audasa nestes anos foron eliminados dende 2011, cando a empresa comezou a implantar as súas controvertidas vías de cobramento automático da portaxe, as inicialmente presentadas como vías de "pago fácil" e agora alcumadas "todo pago", segundo o devandito informe anual de contas. Segundo datos de Audasa, a finais de 2015 estaban xa en funcionamento 57 destas vías "nas principais peaxes da AP-9", unha vintena máis que a finais de 2014. No entanto, a propia empresa admite que polo "todo pago" pasa apenas unha cuarta parte do tráfico.

Audasa ten instaladas xa 57 máquinas de peaxe automática e anuncia que continuará a implantalas

Nesta liña, e aínda que as peaxes automáticas fosen especialmente cuestionadas tanto por persoas usuarias como por Administracións públicas en períodos críticos como os engarrafamentos do verán, Audasa explícalles aos seus investidores que continuará coa súa implantación. Entre "peaxe dinámica" -o dispositivo coñecido como Vía T- e as devanditas cabinas automáticas xestiónanse xa "unha media do 75% dos tránsitos da AP-9", polo que prevé afondar nestas liñas para lograr "unha xestión máis eficiente da recadación e unha contención no crecemento dos custos asociados á mesma".

Máis recadación e máis beneficios

A recadación por portaxes, precisamente, é unha das boas novas que obtivo a empresa por segundo ano consecutivo. A moi notable perda de tráfico iniciada en 2009 provocou, malia aos incrementos de tarifas autorizados por Fomento, que os ingresos nas cabinas da AP-9 pasasen de 156 millóns de euros a 125 en apenas catro anos. No entanto, o pasado 2014 este indicador volveu rexistrar signo positivo, con 127 millóns de euros, e en 2015 experimentou un crecemento do 5%, ata superar os 134 millóns de euros, o que implica situarse en niveis semellantes aos do ano 2006, cando Audasa empregaba a 80 persoas máis que na actualidade.

O crecemento da recadación foi relevante en 2015, pero o dos beneficios foino aínda máis. As ganancias de Audasa caeron abruptamente entre 2010 e 2012 e estabilizáronse nos seguintes dous anos na contorna dos 30 millóns de euros. No entanto, de 2014 a 2015 o seu medre xa adquiriu un ritmo semellante ao que tiñan antes da crise económica, pasando de 28,5 millóns aos 44,7 millóns de euros de beneficios despois de impostos que reflicten as contas do pasado ano. Estes beneficios van ser "destinados integramente a dividendos", isto é, serán distribuídos entre os accionistas de Audasa.

Todos estes números debuxan un panorama no que a dirección de Audasa se amosa abertamente optimista cara ao futuro, no que ten asegurada a explotación da autoestrada ata, cando menos, o ano 2048, cando caduca a concesión do Goberno de España despois das sucesivas prórrogas. Así, a compañía non amosa especiais temores a respecto da súa evolución malia ter destinado 50 millóns de euros a investimentos, a maioría ás obras de ampliación da autoestrada en Santiago en Vigo, aínda en marcha.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.