0 Gardados para despois

A AP9 perdeu dende o 2011 un 11,5% do seu tráfico, que optou por vías alternativas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Itínere, propietaria de Audasa, celebraba hai dúas semanas os datos de tráfico da AP9 correspodentes ao ano 2015, nos que rexistraba un incremento do 5% na súa cifra de usuarios e usuarias. En efecto, a estatística oficial do Ministerio de Fomento confirma ese ascenso do 5,5% no número de vehículos que o pasado ano empregaron a autoestrada de peaxe, cunha media diaria que pasou de 20.734 a 21.869. Xa en 2014 experimentara un pequeno ascenso, cortando unha longa tendencia negativa que se iniciara en 2007, o momento do seu mellor resultado (27.029 vehículos diarios). En calquera caso, o dato de 2015 mantén aínda a AP9 en cifras inferiores mesmo ás de 2003.

Onde foi parar este tráfico? Optaron os condutores e condutoras por vías alternativas á AP9 e gratuítas? A recuperación do tráfico que rexistra a autoestrada de peaxe dáse tamén noutras estradas? O Ministerio sitúa en determinados puntos da rede viaria estacións de medición que permiten coñecer mes a mes e ano a ano a intensidade do tráfico neses lugares. 

Neles podemos ver que nos últimos catro anos, dende o 2011, mentres que a AP9 (en todo o seu trazado) perdeu un 11,5% do seu tráfico (e polo tanto dos seus clientes e clientas), a N-550 (que discorre en paralelo dende A Coruña ata Tui) incrementou o seu número de usuarios e usuarias, en porcentaxes que van dende o 2,64% que se rexistra en Caldas de Reis (quilómetro 97) ata o 7,26% de Vilaboa (quilómetro 130), e con ascensos do 5,99% en Sigüeiro (quilómetro 49,5) e do 6,94% noutro punto de Caldas (quilómetro 100). Peores son os datos na N-651, alternativa igualmente á AP9 entre A Coruña e Ferrol: ao seu paso por Cabanas perdeu entre 2011 e 2015 un 8,5% do seu tráfico. De igual xeito, a A-55 ao seu paso por Tui perdeu neste tempo un 3,45% dos seus vehículos. Datos, en calquera caso, menos negativos que os que veu rexistrando a AP9 durante a crise económica.

No 2015, momento en que a AP9 si ve incrementado notablemente o seu número de consumidores e consumidoras (un 5,5% máis), o resto de estradas tamén presentan cifras positivas. Son todas inferiores á que acada a vía de peaxe, agás as que se dan en Sigüeiro, que o pasado ano viu crecer o seu tráfico nun 12,2%.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.