Pedro Sánchez: “cun socialista na Xunta e outro na Moncloa, Galicia non 'rueda', Galicia voa"

Gómez Besteiro e Pedro Sánchez, este sábado, en Lugo. CC-BY-SA PSdeG

"Se Galicia vota, Galicia cambia. É certo que hai moitas papeletas para o cambio, pero só unha para gobernar o cambio”, subliña o secretario xeral do PSOE

"Se Galicia vota, Galicia cambia. É certo que hai moitas papeletas para o cambio, pero só unha para gobernar o cambio”. O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, sinalaba a oportunidade que supón para Galicia un goberno socialista en Madrid porque "se hai un socialista na Xunta e outro na Moncloa, Galicia non rueda, Galicia voa”, subliñou.

O salón de actos da Facultade de Veterinaria de Lugo quedou pequeno para acoller os simpatizantes do PSdeG que non querían perder o acto político protagonizado por Pedro Sánchez e o candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro; no que tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos –que cualificou a Besteiro como o “desexado e o esperado”- e a ex rexedora Lara Méndez, “fichada” por Besteiro como número 2 na súa candidatura. 

Pedro Sánchez, Besteiro e Lara Méndez, durante o acto celebrado na Facultade de Veterinaria de Lugo. CC-BY-SA PSdeG

“Padecemos unha oposición desorientada e faltona”. "Nesta lexislatura vou reivindicar a temperanza como forma de facer política ante o ruído e os insultos", indicou Pedro Sánchez

Sánchez prognosticou que o resultado do 18 de febreiro estará nas mans daqueles galegos e galegas que queren cambio pero aínda non saben a quen votar ou se votar ou non. “Se Galicia vota, Galicia, cambia e avanza. A abstención é a resignación”, incidiu durante o seu discurso. 

o presidente do Goberno defendeu a política do seu Goberno progresista: “Non facemos milagres. Xestionamos mellor a economía que a dereita porque a poñemos ao servizo da xente, da maioría”. Un traballo que fan pese a “padecer” unha “oposición desorientada e faltona”. Nesta lexislatura, asegurou, “vou reivindicar a temperanza como forma de facer política ante o ruído e os insultos. Reivindicamos a política útil contra os que só queren ruído”, dixo.

Pola súa banda, o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, comezou a súa intervención lembrando que en Lugo “vivimos a historia da loita contra o imposible” e fixo repaso de como chegou Orozco á alcaldía en 1999 “pese a que era imposible”, coas enquisas en contra. “Tamén a Deputación era imposible”, asegurou, e “estamos buscando prosperidade para os veciños” desde 2007.

Besteiro promete un límite de 48 horas para obter cita na Atención Primaria

Mais, segundo, defendeu, falta a Xunta de Galicia, que é “a materia que imos gañar o 18 de febreiro. 0% de resignación e 100 de ambición”. 

Besteiro reseñou que vai ser o primeiro presidente da Xunta de Lugo e que se presenta por Lugo. “A Xunta non lle vai volver facer a oposición á provincia de Lugo”, dixo. Ademais, detallou que a súa candidatura quere “rescatar” a Sanidade e, en concreto, a Atención Primaria. “Todos recordamos cando chamabas e tiñas cita ao día seguinte no médico. Eu comprométome ao límite de 48 horas como máximo para obter unha cita en Atención Primaria”. Ao tempo que informou da súa intención de estender o sistema de residencias públicas para maiores de Lugo a toda Galicia. “A Xunta non fixo ningunha residencia pública na provincia”, lamentou.

O candidato socialista apostou por “superar a Galicia das dúas velocidades entre a costa e o interior”. E cunha forte aposta polo rural, onde sinalou o reto demográfico e a despoboación como grandes eivas fronte ás que hai que loitar con investimentos. “Hai que ter colexios, residencias, ou médico no concello”, defendeu.

O candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, durante o mitin deste sábado en Lugo. CC-BY-SA PSdeG

Gómez Besteiro referiu a “casualidade” de que o Partido Popular tamén escollese estar en Lugo este sábado. "Van chupando rueda", indicou

Gómez Besteiro referiu a “casualidade” de que o Partido Popular tamén escollese estar en Lugo este sábado. “Din que veñen presentar o programa. Marcámoslle a axenda” e asegurou que “van chupando rueda e dando sensación de perdedores”.

Besteiro alertou de que o 18 de febreiro “xogámonos ser actores secundarios ou ser protagonistas dun cambio para que Galicia saia da parálise”. “Somos os únicos que podemos e queremos. O BNG quere pero non pode. Nós temos un equipo de persoas solventes. Temos a interlocución e a influencia para traer os investimentos”, subliñou, antes de dar paso ao presidente máis galego nos 40 anos de democracia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.