Besteiro presenta o seu plan para "reindustrializar" Ferrol dende o naval: "Xa logrei máis que Rueda"

José Ramón Gómez Besteiro, no encontro no que presentou os seus plans industriais para Ferrol, este 26 de xaneiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Na contorna do candidato do PSdeG á presidencia asegúrase que as xestións e negociacións de José Ramón Gómez Besteiro ante o Goberno de España lograron empurrar cara á consecución da construción do buque anunciado esta mesma semana por Pedro Sánchez para Navantia Ferrol. O encargo, mantivo o mandatario, suporá en torno a 1.800 empregos.

Apenas dous días despois, este venres, foi o propio Besteiro quen acudiu á cidade departamental. Nun encontro con representantes sindicais, empresariais e de diversas entidades de Ferrolterra, o cabeza de cartel socialista para o 18F expuxo o seu plan para "reindustrializar" Ferrol dende os sectores naval e enerxético, pero tamén para afirmar que xa sen gobernar logrou "máis que Rueda" a este respecto.

Estaleiros na ría de Ferrol, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-ND Xoán Porto

"Unha vez que os socialistas alcancemos o Goberno da Xunta despois do 18 de febrero", di, o seu "compromiso" é "reclamar ao Goberno de España o dique cuberto para finalizar a modernización do estaleiro de Navantia", pero tamén financiar dende a Xunta "un novo dique de reparacións". Asemade, contempla "un centro de formación da industria naval e das enerxías renovables" e "un centro de investigación da enerxía eólica mariña e almacenamento de enerxía".

"Estando fóra do Goberno, logrei máis postos de traballo para Ferrol en tres meses que Rueda dentro da Xunta durante vinte anos", mantén o candidato do PSdeG, que promete financiar "un novo dique de reparacións" e crear un centro de formación da industria naval e das enerxías renovables se goberna tras o 18F

Besteiro encadra estas promesas nunha reactivación industrial do naval ferrolán na que ve determinante o encargo anunciado por Sánchez. "Os socialistas -mantén o candidato- traballamos moito para conseguir estes investimentos para Galicia", con "moitos meses de traballo coa ministra [María Jesús] Montero e coa ministra [Margarita] Robles", titulares de Facenda e Defensa. Foi durante esas negociacións, advertiu, cando el mesmo adiantou que habería máis "boas novas para Ferrol e para Galicia" cadrando co inicio dos traballos de construción da segunda fragata F-110 que tamén foi encargada a Navantia.

"Estando fóra do Goberno, logrei máis postos de traballo para Ferrol en tres meses que Rueda dentro da Xunta durante vinte anos", asegura Besteiro, que subliña que sexan "máis de 5.000 millóns os que o Goberno de España ten comprometidos" na comarca. "Non dá igual quen goberne: co PP non hai traballo nin futuro, cos socialistas os estaleiros volven funcionar a pleno rendemento" e se el mesmo chega á Xunta, promete, esa "reindustrialización" estenderase por todo o país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.