O Presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, asistirá este mércores á cerimonia do corte de chapa da primeira das cinco fragatas da clase F-110 que o Ministerio de Defensa construirá en Navantia Ferrol. O acto, que dá comezo á construción dos buques co corte da primeira plancha de aceiro, estaba previsto para o pasado 23 de marzo, pero tivo que adiarse por un problema de axenda de Sánchez. As fragatas F-110 xerarán uns 7.000 postos de traballo nos vindeiros dez anos no estaleiro ferrolán e constitúen unha das mellores novas recibidas nos últimos anos nesta factoría.
Pedro Sánchez preside este mércores a cerimonia do corte de chapa da primeira das cinco fragatas da clase F-110 que Defensa construirá en Ferrol
O encargo foi finalmente aprobado polo Consello de Ministros o 29 de marzo de 2019, pouco antes das eleccións xerais de abril dese ano. A sinatura puxo fin a anos de reclamacións e dúbidas no estaleiro ferrolán, o mellor posicionado para levar a cabo os traballos, que se foran adiando durante anos. En 2018 coñeceuse que o Goberno do PP freara a construción das fragatas en Ferrol para adaptalas así aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés. Esta decisión non impedía que dirixentes populares, con Núñez Feijóo á cabeza, responsabilizasen ao Goberno de Pedro Sánchez dos atrasos.
O PP foi acusado de "corrupción institucional" por paralizar o encargo para beneficiar a Morenés
No momento en que se coñeceron as verdadeiras causas da paralización do proxecto estouparon as críticas contra o Partido Popular, acusado de "corrupción institucional". O daquela alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, sinalaba nese momento que "a estratexia do Goberno do PP era dilatar o sector naval, desmantelar os estaleiros públicos de Ferrolterra".
O contrato permitirá "facer de Ferrol un polo de referencia das novas tecnoloxías aplicadas a un modelo de industria propio do século XXI”, destaca Valentín Formoso, líder do PSdeG-PSOE
As F-110 son buques escoltas oceánicos polivalentes, que substitúen ás F-80, ao final da súa vida operativa despois de 35 anos. Teñen 145 metros de eslora, 18 metros de manga, 5.900 toneladas de capacidade, e unha tripulación de 145 persoas. A construción suporá un investimento de 4.300 millóns de euros ata o ano 2032, cun total de 18 millóns de horas de traballo para case sete mil persoas (1.300 empregos directos, 2.000 da industria auxiliar e 3.500 empregos indirectos).
A pasada semana, nun encontro co presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, o líder do PSdeG, Valentín Formoso, amosou o seu convencemento de que o contrato permitirá "facer de Ferrol un polo de referencia das novas tecnoloxías aplicadas a un modelo de industria propio do século XXI”. En termos semellantes o delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, cualificou o encargo de "investimento histórico” para Ferrolterra.
Un bo ano para a construción naval en Ferrolterra
A previsión é que este sexa un bo ano para a factoría de Navantia en Ferrolterra, coa reparación dun gran número de buques, sobre todo gaseiros, e tamén a construción de torres eólicas xigantes para parques mariños
O inicio dos traballos pon fin a uns meses de falta de actividade nesta sección do estaleiro, unha vez rematada a construción do último barco de aprovisionamento en combate realizado para a armada australiana. Con todo, a previsión é que este sexa un bo ano para a factoría de Navantia en Ferrolterra. O seu departamento de reparacións asinou hai uns meses o meirande contrato da súa historia para o arranxo dunha plataforma de 292 metros que suporá 700.000 horas de carga de traballo ou o que é o mesmo, emprego durante sete meses para 350 persoas.
A iso únense a construción de plataformas para parques eólicos mariños e outras reparacións de gaseiros e outros buques: ao longo do pasado 2021 o estaleiro levou a cabo reparacións en 28 mercantes, a metade deles gaseiros, unha actividade que se espera que se manteña ou aumente no futuro, favorecida polas maiores necesidades europeas de importación de gas dende os Estados Unidos e outros países co obxectivo de reducir a dependencia de Rusia.
Así mesmo, o mes pasado Navantia acadou a autorización da Autoridade Portuaria de Ferrol para que estaleiro de Fene poida construír torres eólicas xigantes (monopiles XXL) que serán empregadas na instalación de parques eólicos mariños. O obxectivo é que nos vindeiros tres anos Iberdrola realice encargos ao estaleiro ferrolterrán por un valor de 400 millóns de euros.
Unha oportunidade para o renacemento do sector industrial en Ferrolterra
Dende os sindicatos faise un chamamento realizar os investimentos necesarios para asegurar a continuidade e o incremento da carga de traballo.
Dende distintos ámbitos destácase o momento actual como unha oportunidade para o renacemento do sector naval en Ferrolterra e, unido a este, do conxunto do sector industrial e da economía na comarca. Porén, dende os sindicatos faise un chamamento realizar os investimentos necesarios para asegurar a continuidade e o incremento da carga de traballo.
Os comités de empresa de Navantia Ferrol e Fene reclaman sobre todo a construción do dique cuberto que permita levar a cabo máis encargos e o dique de carenas. "As fragatas están aí pero non renunciamos a que o estaleiro recupere a súa actividade, que sexa quen de ter dous ou tres buques en produción. Para iso hai que ser competitivos non só en tecnoloxía senón tamén en prezo e custo, por iso é fundamental que se faga o dique”, sinalaban hai unhas semanas nun encontro do Delegado do Goberno central en Galicia.
Os comités de empresa de Navantia Ferrol e Fene reclaman a construción do dique cuberto que permita levar a cabo máis encargos e o dique de carenas
Pola súa banda, CIG-Navantia denunciou a "falta de compromiso real por parte do PSOE para a construción das infraestruturas que precisan os estaleiros da Ría de Ferrol". "Hai moitas medidas que poderían acompañar a esas infraestruturas pero teñen que ser elas as que tiren por ese HUB empresarial que se defende", afirma o sindictato. A representación da CIG chama a atención sobre a necesidade de crear postos de traballo na comarca, subliñando que "ninguén vai vir fisicamente a instalarse na comarca se non temos esas infraestruturas. Non se pode seguir a construír en grada e non se poden perder pedidos en Carenas por falta de dique".