Traballar de balde para ter os pisos limpos para a visita de Feijoo

O presidente da Xunta na visita ás vivendas de promoción pública do barrio lugués de Garabolos © Ana Varela

O pasado martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, estivo en Lugo, no barrio de Garabolos, visitando unha promoción pública de 173 vivendas que esta semana serán entregadas aos seus novos propietarios. Acompañado do conselleiro Agustín Hernández e dun grupo de xornalistas, Feijoo percorreu e fixo fotos nalgún dos pisos da promoción do Instituto Galego de Vivenda e Solo, destacando que a Xunta coloca "no centro da diana as políticas encamiñadas á construción de vivendas de promoción pública", pois é "consciente da necesidade de apoiar os cidadáns no alugueiro ou na adquisición do seu fogar nun momento no que as familias están a sufrir en primeira persoa os efectos da crise".

A empresa aseguroulles que o contrato era a xornada completa, e mesmo reiteroulles que se tiñan que facer horas de máis, que fixesen as que fosen necesarias, que xa despois llas pagarían

Os pisos de Garabolos, novos, estaban moi limpos, en impecables condicións para a visita da caravana institucional. E non era por casualidade. A pasada semana, o día 14, a empresa Factor Humano F. Castro Trabajo y Empleo S.L. contratou un grupo de persoas, todas mulleres, para que limpasen as 173 vivendas se cara á inauguración deste martes. A empresa aseguroulles que o contrato era a xornada completa, e mesmo reiteroulles que se tiñan que facer horas de máis, que fixesen as que fosen necesarias, que xa despois llas pagarían. Deste xeito, traballaron 41, 42 e 45 horas, máis de oito horas todos os días, mesmo sábado e domingo.

En varias ocasións estas traballadoras solicitáronlle á empresa que lles facilitase unha copia dos seus contratos, e ante a negativa, dirixíronse á oficina da Seguridade Social. Alí constataron que estaban dadas de alta cun contrato de obra e servizo de dúas horas diarias, que non asinaran. Dez horas cotizadas en total, as que practicamente fixeran xa o primeiro día. O mércores as limpadoras foron traballar aos edificios, ao igual que fixeran os días anteriores, pero non puideron facelo. Porén, en ningún momento se lles comunicou o cese da actividade. "Un contrato de obra e servizo remata cando haxa notificación por parte da empresa, e a día de hoxe non llelo notificaron", sinala Carme Anta, de CIG-Servizos, que se está ocupando da súa reclamación e que xa presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo.

“Había que ter todo limpo para o día que viñese Feijoo, había que facer as horas que fixesen falla. Entraban ás oito da mañá e marchaban pola noite, e só podían parar unha hora para comer”

“Había que ter todo limpo para o día que viñese Feijoo, había que facer as horas que fixesen falla. Entraban ás oito da mañá e marchaban pola noite, e só podían parar unha hora para comer”, subliña Anta, que valora levar o tema á Fiscalía, e que engade que "este tema vai rematar no xulgado social, porque a inspectora pode ver o que pasa hoxe, pero non o que pasaba a semana pasada”.

No acto de Garabolos, Núñez Feijoo salientou a aposta do Goberno galego "por facilitar o acceso a unha vivenda a todos os cidadáns" pero, "fundamentalmente, ás capas máis desfavorecidas da poboación".

Visita de Núñez Feijoo ás vivendas de promoción pública de Garabolos © Ana Varela
Visita de Núñez Feijoo ás vivendas de promoción pública de Garabolos © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.