Alberto Núñez Feijoo fixo bandeira este sábado da situación das enerxías renovables en Galicia. Na clausura en Silleda da II Feira da Enerxía, o presidente da Xunta destacou que “Galicia é a segunda comunidade autónoma en enerxías renovables de España”, sinalando "a firme aposta da Xunta por que a comunidade galega siga estando á vangarda no sector enerxías renovables".
Feijoo fixo fincapé especialmente no sector eólico, sinalando que a Xunta está executando 21 parques eólicos que teñen que estar instalados a finais de 2020. Subliñou que o Consello da Xunta aprobou recentemente as Directrices Enerxéticas de Galicia que, cun investimento de 3.000 millóns de euros, permitirán a implantación de 1.300MW de enerxías renovables de aquí a 2020 e prometeu a creación de 12.000 postos "de traballo constante". “Galicia ten que ser sinónimo de enerxía renovable, enerxía renovable é sinónimo de innovación e innovación é sinónimo de futuro industrial”, resumiu.
A anulación do concurso fixo que se perdese máis do 80% do emprego no sector eólico
Estas declaracións prodúcense seis meses despois de que o Goberno de Alberto Núñez Feijoo asumise a súa responsabilidade na paralización do sector provocada pola anulación do concurso eólico do Bipartito. En setembro o Goberno galego acatou finalmente -pagando ao redor de tres millóns de euros en indemnizacións- as sucesivas sentenzas xudiciais que lles foran dando a razón ás empresas que foran prexudicadas pola actuación da Xunta. A anulación do concurso provocou que se perdese máis do 80% do emprego no eólico, ficando Galicia sen o liderado no sector, que ata entón tiña. O propio sector aludiu en incontables ocasións á paralización, perda económica e laboral, inseguridade xurídica e enguedello xudicial que provocaba a derrogación daquela poxa.
Como exemplos da puxanza das enerxías renovables en Galicia, Núñez Feijoo citou tamén o proxecto de ecobarrio de Ourense, que funcionará con enerxía xeotérmica, e mesmo subliñou a participación da Xunta con Reganosa na creación dun hub de gas natural licuado, “porque entendemos que ese vai ser o combustible, xa non do futuro, senón do presente” para vehículos pesados, tanto de mercancías como de pasaxeiros, e dos barcos pesqueiros, asegurou o presidente da Xunta.