Denuncian que a promotora do gran parque éolico de Ordes fragmenta a súa tramitación para facilitar a súa aprobación

Parque eólico en Galicia © Xunta

A Plataforma contra a implantación de parques eólicos na Comarca de Ordes presentou este venres os primeiros escritos ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria relativos á inminente declaración de "interese especial" por parte do Consello da Xunta dos parques eólicos Gasalla e Monte Inxerio. A Plataforma denuncia que "dito acordo sería contrario ao interese xeral e posiblemente nulo de pleno dereito".

Alertan de que fragmentando os proxectos buscan "evitar trabas na súa tramitación administrativa e medioambiental" e "ocultar de forma deliberada os diferentes impactos que acumulan todos eles"

A entidade sinala que a empresa promotora deses dous parques e dos denominados Ardemil e A Pobra, Green Capital Power, S.L. "está a fragmentar de forma fraudulenta para á sua tramitación un único parque" que iría da parroquia de Lesta, en Ordes, ata Vilasantar, en varios máis pequenos "co fin de evitar trabas na súa tramitación administrativa e medioambiental" e ocultando "de forma deliberada os diferentes impactos que acumulan todos eles".

A Plataforma está a difundir entre a poboación e as entidades sociais dos concellos afectados (Ordes, Oroso, Frades, Mesía, Vilasantar...) os documentos presentados ante o Goberno galego e anima "a todos aqueles colectivos e persoas sensibilizadas con esta causa" a asinalos e presentalos no rexistro da Xunta durante os próximos días.

Destacan que os proxectos eólicos que se tenta poñer en marcha están situados "nunha zona especialmente gandeira de produción de leite e produtos elaborados a partir do mesmo, onde vai quedar afectado moito solo agrario". "Esta zona xa está sufrindo actualmente a presión dos proxectos mineiros da empresa ERIMSA, xerándose un importante rexeitamento social por parte dos veciños e veciñas así como por parte das persoas titulares das explotacións da zona, que ven afectada a base territorial das súas explotacións", explican. "Todo isto redundaría nunha perda de postos de traballo vinculados ás explotacións e gandaría da zona, que non se vería mitigada de ningún xeito polos supostos beneficios económicos e laborais do parque", engaden.

Destacan que os proxectos eólicos que se tenta poñer en marcha están situados "nunha zona especialmente gandeira de produción de leite e produtos elaborados a partir do mesmo, onde vai quedar afectado moito solo agrario"

"O beneficio sería para a empresa promotora, que ten os seus intereses ben lonxe de Galicia, de maneira que para a comarca e para Galicia, os beneficios dende o punto de vista industrial serían mínimos, sobre todo tendo en conta que somos exportadores netos de enerxía eléctrica", conclúen. A Plataforma lembra tamén que "os alcaldes dos concellos de Ordes, Frades, Mesía e Oroso tomaron un acordo posicionándose en contra da implantación de parques eólicos na comarca". 

 

Os parques estenderíanse dende a parroquia de Lesta (Ordes) ata Vilasantar © Non eólicos en Ordes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.