Suspenso á Xunta polo seu plan de xestión da Rede Natura

Valoración dos plans de xestión realizada por WWF © WWF

Suspenso para a Xunta. Con motivo da celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000 (este sábado 21 de maio), WWF vén de presentar un informe sobre o grao de desenvolvemento dos plans de xestión destes espazos protexidos en cada comunidade autónoma. A Galicia correspóndelle a valoración máis negativa, en virtude da análise do Plan Director da Rede Natura 2000, aprobado en 2014. O informe destaca, no extremo contrario, o bo labor de Euskadi, Baleares, Comunidade Valenciana e A Rioxa. E, ao igual que a Galicia, suspende a Andalucía, Cantabria e Madrid.

WWF afirma que "non poden darse por legais as declaracións de ZEC realizadas a través deste plan director"

WWF sinala nas súas conclusións que "o plan director galego falla á hora de identificar as ameazas, os obxectivos de conservación son moi xenéricos, o que dificulta comprobar o seu cumprimento, as medidas propostas non aseguran a conservación de todas as especies e hábitats de interese comunitario e están descritas de maneira superficial, e non se describen as fontes de financiamento". Engade que, en consecuencia, "este documento resulta completamente insuficiente para a correcta xestión da Rede Natura 2000 en Galicia, e en caso de manterse en vigor, requiriríanse plans específicos para cada un dos espazos" e que "polo tanto, non poden darse por legais as declaracións de ZEC realizadas a través deste plan director".

A diferenza do que sucede na maior parte das autonomías, en Galicia os plans de xestión das 59 ZEC e as 16 ZEPA están unificados nun único documento, o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, un texto que segundo WWF "resulta moi confuso", é "moi difícil de seguir" e "ten un carácter moi xeral" e no que ademais se fixeron "clasificacións de ecosistemas e medios arbitrarias, denominadas 'unidades ambientais'”. WWF demándalle á Comisión Europea que lle esixa ao Goberno español que "unifique criterios" e que non se aprobe "ningún plan que non cumpra os requisitos legais mínimos e que non conte co axeitado financiamento".

Non é a primeira emenda á totalidade que recibe este plan director, moi criticado no momento da súa aprobación por SEO/BirdLife e a Sociedade Galega de Ornitoloxía que xa sinalaran que o plan non podía "ser considerado como instrumento único de xestión da Rede Natura 2000 en Galicia, senón unha ferramenta clave dentro dunha aposta por unha política de conservación moito máis ampla e definida dentro da rexión", engadindo que “a carencia de compromiso en investimentos impide o desenvolvemento das directrices e medidas”. E subliñaron que  o documento tiña "importantes deficiencias, abrindo a porta a actividades impactantes como monocultivos forestais, aumento da edificabilidade, explotacións mineiras ao descuberto, infraestruturas, concentracións parcelarias e explotacións acuícolas mesmo nas áreas de maior valor ambiental".

Xosé Veiras: "O desenvolvemento da rede Natura 2000 por parte da Xunta é unha crónica de atrasos inxustificábeis, notorias insuficiencias, cesións escandalosas a intereses privados e investimentos irrisorios na conservación"

De igual xeito, ADEGA denunciou que o documento facía "regra" do que debería ser unha excepción, consideraba como permitido "o que debera ser autorizábel" e como "autorizábel o que debera estar prohibido", co obxectivo de "baleirar de contido as proteccións ambientais". Xosé Veiras subliñaba, pola súa banda, que "o plan enmárcase na política xeral ultraprodutivista do actual Goberno galego, polo que protexe desprotexendo” e concluía que "o proceso de desenvolvemento da rede Natura 2000 en Galicia por parte da Xunta é unha crónica de atrasos inxustificábeis, notorias insuficiencias, cesións escandalosas a intereses privados e investimentos irrisorios na conservación de hábitats e especies".

 

Valoración dos plans de xestión realizada por WWF © WWF
Distribución dos espazos da Rede Natura en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.