A rede Natura 2000 en Galicia e a fracasada política europea de conservación da biodiversidade

Distribución dos espazos da Rede Natura en Galicia © Xunta

Xosé Veiras denuncia no blog Un claro no bosque a feble protección que ofrece a Rede Natura 2000 e critica o recentemente aprobado Plan Director, que enmarca "na política xeral ultraprodutivista do actual Goberno galego, polo que protexe desprotexendo”

Os estados da UE recoñecen, sobre o papel, a relevancia social e económica da conservación da biodiversidade. Mesmo acordaron en 2001 deter a perda de biodiversidade en 2010, para o cal adoptaron un plan de acción cuxa medida estrela era a implementación da rede de espazos protexidos Natura 2000, a máis extensa do mundo. Porén, o obxectivo non foi atinxido, adiándose para 2020. Un fracaso anunciado. Sen unha mudanza radical  do modelo económico produtivista, nin sequera aplicando a mellor política sectorial posíbel de conservación da biodiversidade, a UE sería capaz de frear a deterioración da natureza.

Cómpre ir á raíz e abordar as causas subxacentes da perda de biodiversidade, que teñen a ver cunhas pautas de produción e de consumo espoliadoras do capital natural

As políticas de conservación da biodiversidade son necesarias e úteis. Malia as súas insuficiencias, conseguen aminorar algo a destrución da natureza, mais non abondan para afrontar eficazmente a crise da biodiversidade, un dos elementos principais da crise ambiental. Para iso, cómpre ir á raíz e abordar as causas subxacentes da perda de biodiversidade, que teñen a ver cunhas pautas de produción e de consumo espoliadoras do capital natural do que depende o noso benestar. Unhas pautas que o conxunto das políticas da UE tende a reforzar. “Mentres estas causas non sexan entendidas e abordadas, continuarán a impulsar a perda de biodiversidade, malia o boas que poidan ser as políticas de conservación da biodiversidade”, afirmaba o European Environmental Bureau (EEB), a maior federación europea de asociacións de defensa ambiental, ao explicar o incumprimento do obxectivo de deter a perda de biodiversidade en 20101.

 

UE: produtivismo neoliberal forte, conservacionismo débil

En Galicia, xeralizouse unha percepción positiva do papel da UE na conservación da natureza. Fundaméntase, en boa medida,  no impulso dado á rede Natura 2000, que no noso país veu remediar algo a sempre cativa disposición da Xunta a protexer  os espazos naturais  máis valiosos. Ademais, moita xente confía nunha suposta elevada conciencia conservacionista das autoridades europeas, que estarían sempre listas  para acudir no resgate da natureza en calquera lugar da UE cando for vítima dos desleixos e abusos das administracións estatais e/ou subestatais. Algo que poucas veces acaba por acontecer.

As institucións europeas e os estados membros da UE adoitan subordinar todo aos intereses do capital e á procura incesante dun crecemento económico intrinsecamente destrutor do medio

Non só en Galicia ou no Estado español se destrúe máis que conserva a natureza. Tamén no conxunto da UE. As institucións europeas e os estados membros da UE adoitan subordinar todo aos intereses do capital e á procura incesante dun crecemento económico intrinsecamente destrutor do medio (cando menos, na medida en que a austeridade non impida o obxectivo do crecemento). Unha consecuencia disto é a perda de biodiversidade. E non só dentro das fronteiras da UE.  A enorme pegada de destrución ambiental asociada ao consumo ecoloxicamente insustentábel das economías europeas exténdese por todo o planeta. 

 

A rede Natura 2000 protexe pouco e, ás veces, nada

O alcance territorial, o grao de protección e a calidade da xestión  dependen, en moi grande medida, da vontade política das administracións competentes dos Estados membro, no noso caso da Xunta

A lexislación europea  deseñou a rede Natura 2000 fixando uns criterios mínimos, mais o alcance territorial, o grao de protección e a calidade da xestión  dependen, en moi grande medida, da vontade política das administracións competentes dos Estados membro, no noso caso da Xunta. A UE esixe, pero “sen pasarse”. Porque a UE está sobre todo para o que está. Impón límites de déficit público, mais non un mínimo de superficie natural a protexer. Malgasta inxentes cantidades de diñeiro en investimentos e axudas socioambientalmente prexudiciais, mais está lonxe de garantir un  financiamento adecuado para a rede Natura 2000. Ordena privatizacións e liberalizacións, mais non estabelece prohibicións a priori de actividades económicas destrutivas nos espazos da rede Natura 2000. A Comisión europea mesmo elaborou directrices para facer “compatíbeis” neles minas ou parques eólicos!

A combinación de produtivismo forte con conservacionismo débil fai que o espolio da natureza en Europa sexa alarmante, mais alá de logros parciais na recuperación dalgunhas especies e espazos naturais. Segundo a propia UE, só o 17% dos hábitats naturais de interese europeo estaban en bo estado de conservación en 2010, 18 anos despois da aprobación da directiva que os protexeu e deu lugar á creación da rede Natura 2000. Se tomamos en consideración só a rexión bioxeográfica atlántica –na que se inclúe a maior parte de Galicia- nin un só tipo de hábitat presenta un bo estado de conservación2

O proceso de desenvolvemento da rede Natura 2000 en Galicia por parte da Xunta é unha crónica de atrasos inxustificábeis, notorias insuficiencias, cesións escandalosas a intereses privados e investimentos irrisorios na conservación de hábitats e especies

A rede Natura 2000 non pode obrar milagres, mais aínda se a súa implementación, desigual segundo os países, deixa, polo xeral, moito a desexar. O caso galego debe ser dos peores. O proceso de desenvolvemento da rede Natura 2000 en Galicia por parte da Xunta é unha crónica de atrasos inxustificábeis, notorias insuficiencias, cesións escandalosas a intereses privados e investimentos irrisorios na conservación de hábitats e especies.  Como lembra Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, “a Xunta de Galicia tardou nada menos que sete anos en elaborar unha primeira proposta de Rede Natura, tan ridiculamente cativa que tivo que modificala catro veces antes de que fose aceptada en 2004”3. Posteriormente, tanto o goberno bipartito como o de Feijoó prometeron ampliala, e mesmo presentaron propostas concretas para iso, mais todo ficou en nada. A promesa en vigor nestes momentos é que non se vai ampliar “nun curto prazo”.  No ámbito competencia da Xunta, pois si está prevista unha próxima ampliación no medio mariño, promovida polo Goberno estatal. No mapa da dereita represéntanse as áreas mariñas que entrarán a formar parte da rede Natura 2000 como Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

 

Plan Director ou Plan Destrutor?

O plan enmárcase na política xeral ultraprodutivista do actual Goberno galego, polo que “protexe desprotexendo”

A Xunta vén de aprobar, por fin, o Plan Director da Rede Natura 2000, un plan de xestión para o conxunto dos espazos Natura 2000 que debería complementarse no futuro con plans específicos para cada espazo ou grupos de espazos. O plan enmárcase na política xeral ultraprodutivista do actual Goberno galego, polo que “protexe desprotexendo”. Como apuntou, supomos que sen intención crítica, un titular do suplemento “Mercados” do xornal La Voz de Galicia (20 de abril de 2014), dá “luz verde a la actividad industrial en las zonas más frágiles de Galicia”. As asociacións de defensa ambiental recibírono con fortes críticas. ADEGA denuncia que o documento fai “regra” do que debería ser unha excepción, considera como permitido “o que debera ser autorizábel” e como “autorizábel o que debera estar prohibido”. Alén de ser moi permisivo con actividades impactantes, as medidas de conservación que inclúe apenas sairán do papel pois, como destacan a Sociedade Galega de Ornitoloxía e SEO/Birdlife, “a carencia de compromiso en investimentos impide o desenvolvemento das directrices e medidas”.

Talvez o peor do Plan Director sexa que restrinxe moi pouco a extracción de minerais

Talvez o peor do Plan Director sexa que restrinxe moi pouco a extracción de minerais. Nun momento en que, após tres décadas de inactividade, rexorde con forza o interese pola minaría metálica en Galicia da man de empresas transnacionais, o Plan, alén de permitir a continuidade e expansión das minas existentes, posibilita a apertura doutras novas sempre que fosen solicitadas antes da entrada en vigor do plan, ou que se sitúen “en zonas con potencial Mineiro” designadas polo Plan sectorial de actividades extractivas, pendente de aprobación, ou en “concellos mineiros” declarados pola Xunta ao abeiro do lei de minaría de Galicia. Contramínate Costa da Morte creou unha petición  para denunciar este feito perante a Comisión Europea. Pódese apoiar aquí. Boa falta fai que a subscribamos moit@s para que a Comisión a tome en serio.

 

Notas

(1) “Biodiversity protection after 2010: time to launch the ultimate rescue plan”. EEB, 2010.
(2)  Unha nova avaliación estaba prevista pen 2013. Os datos da avaliación de 2010 están dispoñíbeis en: http://www.eea.europa.eu/data-and-maps/indicators/habitats-of-european-interest/habitats-of-european-interest-assessment.
(3) Plan Director: tarde e mal, como sempre. Serafín González. Faro de Vigo, 20 de abril de 2014.

Situación da Rede 2000 en Galicia © http://unclaronobosque.prazapublica.com/
Áreas mariñas que entrarán a formar parte da rede Natura 2000 como Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.