De Galicia ao Nasdaq: o xigante tecnolóxico Okta merca Arengu, 'startup' creada en 2018 na Coruña

Equipo de Arengu, na praza de María Pita da Coruña, nunha foto de arquivo © Arengu

En xuño de 2018, na Coruña, Jacobo Vidal, Sergio Regueira e Pablo Castro, tres mozos que acababan de saír da Facultade de Informática da UDC, fundaron o embrión do que sería a súa actual empresa, Arengu, unha startup dedicada á optimización dos procesos de rexistros dixitais. Cinco anos despois daquela aventura, o proxecto destes tres emprendedores galegos vén de ser mercado polo xigante tecnolóxico Okta, compañía estadounidense capitalizada no Nasdaq, valorada en máis de 10.000 millóns de euros, con máis de 5.000 empregados e máis de 18.000 clientes, entre eles Adobe, Zoom, FedEx ou o exército dos EUA. 

Tres mozos fundaron en 2018 na Coruña unha empresa para a optimización dos rexistros dixitais; cinco anos despois, Okta merca a firma por máis de 10 millóns de euros

"The Arengu technology & team has been acquired. We are no longer accepting new customers", reza un aviso na web da compañía galega. Un lustro despois de arrancar, esta innovadora empresa con sede en Galicia deixará de operar o 30 de xuño para integrarse completamente na estrutura internacional de Okta, desenvolvedora de software para administrar o rexistro e autenticación de persoas usuarias en webs e aplicacións móbiles. Conta con máis de vinte oficinas por todo o mundo e cotiza no segundo mercado de valores dos Estados Unidos, aquel que abrangue firmas de alta tecnoloxía vinculadas ás telecomunicacións, a informática ou a electrónica. 

Membros de Arengu, con Rubén Ferreiro, presidente do grupo Viko © Grupo Viko

"Estamos ante un fito histórico: a venda dunha empresa de tecnoloxía creada, feita e desenvolvida en Galicia a unha empresa do Nasdaq. Non é nada doado", explica o tamén galego Paulo Rodríguez, responsable de expansión internacional de Vanta, empresa de ciberseguridade americana, e ex-directivo de Dropbox. "Só o proceso de compra por parte dunha empresa cotizada xa é dunha enorme complexidade pola cantidade de filtros, regulacións e auditorías de contas que hai que pasar, é un proceso moi regulado... Que unha empresa con sede na Coruña chame a atención destes xigantes e acade iso é tremendo", explica quen foi tamén asesor dos fundadores de Arengu. 

Nos seus inicios, Arengu -primeiramente chamada RocketForms- recibiu o apoio do grupo Viko, conglomerado de empresas de márketing dixital e especialista en comercio electrónico, o que supuxo un apoio financeiro clave pero tamén á hora de conseguir os primeiros clientes. Foi un crecemento meteórico, xa que en menos dun ano a plataforma impulsada por estes mozos -un de Lugo e dous de Pontevedra- xestionaba máis de 200.000 formularios. 

A empresa foi acumulando prestixio e apoio de fondos de investimento desde os inicios, ata que o xigante Okta decidiu mercala

O labor de Arengu consiste en ofrecer un mecanismo máis sinxelo e integrado á hora de construír todo o necesario para o rexistro de usuarios en internet, xa for para comercio electrónico ou para un medio de comunicación, por exemplo. Impulsaron, en definitiva, unha mellor solución á preocupación das empresas para gardar toda a información deses rexistros de xeito máis seguro e simple. A súa ferramenta logra crear e xestionar formularios desde calquera dispositivo, inserilos en webs ou apps en tempo real e integralos totalmente de maneira rápida e fácil

"Pode parecer doado, pero a ferramenta que crearon é dunha grande innovación, facilita moito os procesos a través dun proceso automatizado e é moi útil. É unha tecnoloxía punteira", resume Rodríguez. Tanto foi, que axiña Arengu recibiu o apoio de fondos de investimento importantes como Lanai Partners ou Kfund, un dos socios relevantes, cuxa achega económica axudou a consolidar o proxecto. Logo, a compañía foi seleccionada por YCombinator, a aceleradora de startups máis importante de Silicon Valey e do mundo. 

Arengu foi seleccionada pola aceleradora de 'startups' YCombinator, de onde saíron Dropbox ou Airbnb

"Estamos falando de algo moi serio, dunha aceleradora de onde saíron compañías como Airbnb ou Dropbox, que inviste uns cartos e queda cunha porcentaxe da empresa", explica Paulo Rodríguez, para advertir do éxito destes emprendedores galegos que xa chamaran a atención de Okta. 

Xa antes de ser aceptada por Y Combinator, a finais de 2019, o interese de Kfund por que membros da empresa Auth0 -que acabaría sendo adquirida por Okta en 2021- coñecesen o traballo de Arengu supuxo o inicio dos contactos. O xigante estadounidense seguiu a evolución da firma galega e acabou decidindo comprala por entre 10 e 20 millóns de euros, segundo din varias publicacións especialistas e ante a imposibilidade de coñecer os detalles da operación. 

"Okta veu buscar unha tecnoloxía innovadora e acabou mercando a empresa porque sabe que o capital humano e o coñecemento dela non o ten ningunha outra"

"Como observador do espazo emprendedor europeo, unha operación coma esta non tería pasado hai 15 anos, de aí a importancia tamén", explica Paulo Rodríguez. "Okta quere facer a escala global o que Arengu estaba facendo en España e viñeron buscar unha tecnoloxía innovadora ata o punto de que acabaron mercando a compañía porque saben que o capital humano e o coñecemento desa tecnoloxía non o ten ningunha outra no mundo", engade sobre a que é a primeira operación da firma norteamericana en España. 

"O impacto como produto tecnolóxico será 200 veces maior e ducias de miles de clientes de Okta van usar unha tecnoloxía galega", engade quen rebate as críticas de quen pode considerar negativo que Arengu acabase integrada no xigante dos EUA. "Os impulsores seguen aquí, en Galicia, coa vantaxe de que agora teñen unha rede enorme de clientes, en todas as economías e que acceden a un labor comercial e de márketing que tería sido moi complicado facer a ese nivel", di. 

Charla sobre Arengu no Festival de Novas Tecnoloxías na Universidad Carlos III de Madrid © Arengu

Todo o persoal de Arengu, arredor dunha ducia, pasará a formar parte de Okta, que xa conta cuns 70 traballadores en España e que supera os 11.000 millóns de dólares de capitalización bolsista, triplicando a do seu inicio no parqué estadounidense en 2017. 

Hai anos, durante os seus inicios, os fundadores de Arengu advertían de que un dos seus obxectivos era demostrar que desde Galicia se podía crear unha empresa de referencia e cun talento local que, dicían, non estaba de todo valorado. Agora, a firma que tiña o enderezo social ao pé dos barrio dos Mariñeiros coruñés, vén de ser comprada por unha das maiores tecnolóxicas do mundo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.