Rubén Ferreiro naceu en Compostela hai 37 anos. Fillo de pai e nai funcionarios, fundou a súa empresa en Vigo no 2000, durante a febre das puntocom, como único empregado. Hoxe lidera os designios de Viko, grupo de empresas adicadas ao marketing en e-commerce, con máis de 140 empregados e oficinas en Madrid, Barcelona, Londres, México DF, Miami e Vigo.
Quedamos para facer unha videoconferencia por Skype, pero a conexión do seu hotel non alcanza e falamos por teléfono. Rubén Ferreiro está de viaxe. “O CEO [director xeral, nas súas siglas en inglés] é o primeiro comercial da empresa”, cóntame dende unha habitación de hotel en Londres, pouco antes de voar a México DF.
Rubén móstrase sorprendido pola situación de pactos nalgunhas das vilas galegas. “O BNG está aberto a entrar en gobernos de coalicións, a pesar dos resultados electorais tralas experiencias anteriores?”. Aínda recorda os malos resultados do BNG tralo bipartito co PSOE, en Vigo, onde vivía e a onde volve con frecuencia. Pola familia, polos amigos e pola súa oficina na cidade. Un local de 400 metros cadrados no centro, a carón da Alameda, cunha decoración moderna, similar a que imaxinamos dun Google ou Facebook, con espazo para comer, un futbolín…
Fan do Barça, vive dende hai anos en Barcelona, onde está o cuartel xeral de Viko, o grupo de empresas do que é director xeral. Contemplou en directo a histórica victoria do Celta no Camp Nou -0-1, gol de Larrivey-, trala cal o equipo celeste encadeou 10 partidos sen gañar. Nas fotos subidas ao Facebook tralo partido, aparece coa camisola do Celta nun Camp Nou xa baleiro, e coa sentimento de que debían que gañar tamén no Bernabeu, para devolverlle os 3 puntos ao Barça. “Son de Vigo. Nacín en Santiago por teima da miña nai. Estando embarazada, cando ía dar a luz, colleu o coche e marchou para Santiago…”
Os seus pais querían que fose funcionario, coma eles. Un traballo seguro é para toda a vida. A vida ideal dun fillo para calquera nai galega. “Non sei que quería ser de pequeno, pero sei que son o contrario ao que querían que fose”, dime quen recorda ser un adolescente rebelde, facendo o xusto no instituto para aprobar os cursos en xuño, e superar por pouco o 5 na Selectividade.
Sendo un estudante do montón e sen unha vocación profesional, o que a Rubén lle cambiou a vida un máster de comercio electrónico na Universidade de Santiago (USC). “Foi a primeira e única edición”. Ao finalizar, no ano 2000, fundou a empresa Galicia Banner, como socio e único empregado, primeiro co apoio financiero de media ducia de business angels, e anos despois cun investimento de Unirisco, empresa de capital risco con fondos das 3 universidades galegas.
De camiño e antes da fundación de Galicia Banner, Rubén completou Económicas en Santiago. “Tamén a había en Vigo. Elixín Santiago porque quería vivir a vida universitaria, pero os meus pais non se fiaban, pensaban que ía estar todos os días de festa”. Convenceunos tras unha negociación complicada, apelando ás emocións e o amor da nai por Santiago. Os pais deixáronllo claro: “Se suspendes, volves”. E coa presión e un obxectivo, pasou de facer o xusto no instituto a sacar boas notas na universidade. Cousas dun rebelde con causa.
Porén, aínda non sabía que se convertería nun emprendedor. “Económicas era un caixón de sastre válido para ter unha saída profesional”, coméntame Rubén antes de engadir que tamén adicou un tempo a preparar unha oposición para inspector de facenda, mentres traballaba peritando o valor financeiro de débedas impagadas. “Aquel traballo estaba ben remunerado, con respecto ás horas traballadas. en certa medida era interesante, pero non me gustaba”.
Galicia Banner foi a súa forma de vivir a burbulla puntocom dende dentro, respostando á chamada vital de facer algo diferente, xa cunha vocación pola innovación no mundo de internet e o comercio electrónico. Dada a súa orixe e o camiño percorrido, Rubén catalógase a si mesmo coma “emprendedor por accidente”.
Galicia Banner foi a súa forma de vivir a burbulla puntocom dende dentro, respostando á chamada vital de facer algo diferente, xa cunha vocación pola innovación no mundo de internet e o comercio electrónico. Dada a súa orixe e o camiño percorrido, Rubén catalógase a si mesmo coma “emprendedor por accidente”.
O aparente paradoxo do modelo de negocio de Galicia Banner era que o éxito acababa co modelo. “Facíamos o outsourcing comercial do espacio dixital dos medios, ata que alcanzaban o suficiente volume para facelo por eles mesmos” Forzada pola propia natureza do negocio, a empresa evolucionou e converteuse nunha axencia de medios, ofrecendo a planificación on-line completa aos mesmos clientes. “Era un modelo de negocio moi rendible, copiado de empresas americanas. Un banner que hoxe valería 1 €, naqueles tempos se pagaba a 30 €”.