Da fotosíntese artificial á robótica: Xuvenciencia prepara unha semana de actividades en Lugo para as científicas do futuro

Participantes dunha edición anterior de Xuvenciencia © USC

Dende hai unha década o campus universitario de Lugo acolle todos os veráns Xuvenciencia, un campamento de divulgación científica dirixido a alumnado de cuarto curso de ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional. Este ano, o campus terá lugar entre o 2 e o 8 de xullo, unha semana de actividades para a que hai 95 prazas con réxime de aloxamento e pensión completa, cuxa preinscrición está aberta dende a pasada semana.

A programación da undécima edición de Xuvenciencia inclúe un gran número de obradoiros, actividades de lecer e 16 proxectos científicos

A programación da undécima edición de Xuvenciencia inclúe un gran número de obradoiros, actividades de lecer e 16 proxectos científicos, que abranguen investigacións ao redor do peixe cebra para tratamento do cancro e doenzas raras, a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial, práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica, análises clínicas, cultura a golpe de clic, cultivos in vitro, impresión 3D, xornalismo ou comunicación científica, entre outros contidos.

Asistentes á inauguración de Xuvenciencia, unha edición anterior © USC

Este ano, o campus terá lugar entre o 2 e o 8 de xullo, unha semana de actividades para a que hai 95 prazas con réxime de aloxamento e pensión completa

Os mozos e mozas participantes no XI Campus de Verán XuvenCiencia poderán escoller entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades, itinerarios de divulgación científica a través dos que se achegarán ao día a día da investigación que se desenvolve no Campus Terra.

Hai, así mesmo, obradoiros de saúde emocional e de coidados básicos de emerxencias, impartidos desde a Escola de Enfermaría de Lugo, e unha actividade de Desing Thinking, creatividade no ámbito do emprendemento, que estará a cargo da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Asemade, o laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) impartirá unha actividade sobre a xestión sustentable das plantacións de madeira para a construción.

A metade das prazas ofertadas nesta edición do Campus de Verán XuvenCiencia asiganarase seguindo a orde de preinscrición, mentres que a outra metade será sorteada entre todas as persoas que teñan presentada a solicitude

Tamén repiten na programación obradoiros que nos últimos anos acadaron un grande éxito, como o que trata a cuantificación de gases de efecto invernadoiro, o de introdución ao teatro e á danza, ou o de videocreación para a divulgación científica. 

Ademais, a programación inclúe visitas a centros de investigación do Campus Terra da USC e ao hospital veterinario Rof Codina, así como ao Museo Provincial, o Arquivo Histórico Provincial e mesmo a empresas tecnolóxicas do sector agroalimentario, tales como Leite Larsa, Xenética Fontao ou Finsa, un atractivo e amplo e renovado programa lecer. 

Actividade de Xuvenciencia nunha edición anterior © USC

A programación inclúe visitas a centros de investigación do Campus Terra da USC e ao hospital veterinario Rof Codina

A metade das prazas ofertadas nesta edición do Campus de Verán XuvenCiencia asiganarase seguindo a orde de preinscrición, mentres que a outra metade será sorteada entre todas as persoas que teñan presentada a solicitude, a fin de garantir así a igualdade de oportunidade entre todo o estudantado a expensas do seu lugar de residencia, explica a coordinadora do grupo XuvenCiencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.