O coronavirus non frea Xuvenciencia, que volve con actividades "en rede pero en absoluto virtuais"

Unha das edicións anteriores de Xuvenciencia © Xuvenciencia

O coronavirus non detén a edición 2020 de Xuvenciencia, o campamento científico organizado polo campus lucense da USC con actividades eminentemente prácticas que teñen como obxectivo achegar a investigación ao alumnado preuniversitario, así como fomentar o seu interese polas titulacións científicas, técnicas e sociais. O evento reinvéntase para transformarse nun campus de verá en rede, "que en ningún caso será virtual, xa que os proxectos propostos resultan moi tanxibles e requirirán traballo de campo", explican.

Ante a imposibilidade de celebrar de xeito presencial a oitava edición, a organización argallou unha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de todo o Estado

Ante a imposibilidade de celebrar de xeito presencial a oitava edición, a organización argallou unha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de todo o Estado e que se celebrará do 29 de xuño ao 3 de xullo. Estes mozos e mozas poderán participar en cinco proxectos "especialmente pensados para este escenario de crise sociosanitaria global", no que se fai imprescindible a reflexión sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas.

Cada un destes proxectos ofertará entre 30 e 40 prazas. O prazo para matricularse a través dun formulario online en cada un dos proxectos abrirase o vindeiro luns, día 8 de xuño.

Actividade de Xuvenciencia © USC

Os proxectos:

A reflexión sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas centrarán os programas

  • Plantifícate! chama a descubrir a biodiversidade da contorna e a identificar as especies máis acaídas e adaptadas ao noso territorio.
  • Leva a auga ao rego axudará a delimitar unha conca fluvial e a que os rapaces/zas realicen medicións de caudal nunha corrente de auga próxima á súa casa.
  • Somos o que comemos? reflexionará sobre a orixe dos alimentos que poñemos á mesa, a pegada de carbono, o seu transporte e as ideas preconcibidas sobre o medio rural
  • Ti e o tempo dará instrucións para construír un reloxo solar e descubrirá todo o que se pode medir con el e como o horario solar inflúe nas nosas vidas
  • Como quen oe chover abordará a fraseoloxía relacionada co clima e o tempo, analizará a súa pegada na cultura pop e viaxará na historia para comprobar que efectos tiveron na sociopolítica e nas artes.
  • Como novidade, haberá un Obradoiro de Medios no que se iniciará a estudantes de secundaria no xornalismo científico, pois terán que elaborar informacións dos diferentes proxectos e entrevistarán os seus compañeiros e o profesorado responsable.

Online, pero non virtual

Nos casos nos que coincidan varias persoas matriculadas na mesma localidade ou contorna, anímase aos xuvencientíficos a que formen pequenos grupos para o traballo de campo

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede comezará o luns 29 de xuño coa apertura oficial das actividades e unhas sesións nas que o profesorado explicará as tarefas. Nos casos nos que coincidan varias persoas matriculadas na mesma localidade ou contorna, anímase aos xuvencientíficos a que formen pequenos grupos para o traballo de campo. O mércores será día de análise de resultados e o xoves, de preparación das comunicacións científicas en grupos. Xa o venres terán lugar a posta en común de resultados de todos os proxectos, así como unha sesión interactiva de fin de festa para o Campus en Rede.

A A.D.C. Lumieira, colaboradora habitual nos anteriores Campus de Verán XuvenCiencia, preparará para esta edición en rede novas actividades colaborativas e de lecer, adaptadas á situación de distancia, ás que a rapazada matriculada se poderá sumar voluntariamente nos seráns. As Xuventardes Lúdicas Lumieira propoñen actividades individuais e/ou colectivas de tempo libre, deportivas, de exercicio físico, de lecer, na natureza...

Os e as participantes de Xuvenciencia, nunha das visitas a empresas © USC

"A nosa proposta é En Rede: non é un seminario online máis, senón unha actividade que os convida a saír fóra, a coñecer a súa contorna e formar pequenos grupos en función da dispoñibilidade"

A coordinadora, Mercedes Novo Rodríguez, explica que antes de deseñar este programa tiveron en conta as opinións do voluntariado, as familias e a rapazada. “Moitos insistían en que unha das mellores cousas do Campus de Verán XuvenCiencia son as amizades e o ambiente que se crea. Por iso a nosa proposta é En Rede: non é un seminario online máis, senón unha actividade que os convida a saír fóra, a coñecer a súa contorna e formar pequenos grupos en función da dispoñibilidade. Queremos tecer ligazóns para a investigación, que pode e debe facerse de xeito colaborativo e cos ollos ben abertos ao que temos máis preto de nós”, di

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.