A semana do 27 do xuño ao 1 de xullo de 2016 celebrarase o IV Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo, organizado pola USC. Trátase dun campamento científico con actividades eminentemente prácticas que teñen como obxectivo achegar a investigación ao alumnado preuniversitario, así como fomentar o seu interese polas titulacións científicas, técnicas e sociais. O Campus inclúe máis de 50 obradoiros, visitas e demostracións e 27 proxectos en todas as áreas do coñecemento, que son realizados por máis de 100 docentes da USC, así como persoal técnico de todos as facultades lucenses.
Nesta cuarta edición participarán 133 mozos e mozas, dos cales 30 xa asistiron ao campus o ano pasado. Para este alumnado veterano deseñouse un programa especial que inclúe novas actividades coma visitas á Estación Científica do Courel, ao Castro de Viladonga ou ao Hospital Universitario Lucus Augusti ou o taller de modelado e impresión 3D.
O alumnado novo pode elixir entre numerosas actividades nas diversas áreas do coñecemento, como demostracións de química e robótica, talleres de clínica veterinaria, nutrición, roles de xénero, traballo en equipo, técnicas agrícolas..., visitas ao Hospital Veterinario Rof Codina ou á Aula de Produtos Lácteos. Un total de 27 proxectos que se realizan polas tardes en grupos moi reducidos: Microscopia electrónica, Resonancia Magnética Nuclear, Xeorradar, Controlador Raspberry Pi, Cociña molecular, Fotosíntese artificial, Simulador de ondas mariñas, Árbores en tubos de ensaio, Medir árbores con raio láser, Guiar tractores con GPS...
Haberá, ademais, xincanas científicas (con diversas probas que terán que superar), aulas de teatro ou unha demostración de robótica (Robots ao servizo da xente). O alumnado de fóra de Lugo conta con aloxamento coa tutela de monitores titulados e, como novidade nesta edición, ofértase un programa lúdico para todos os participantes á saída do Campus
Neste enlace pódese consultar o programa completo. E aquí están dispoñibles varios vídeos que recollen algunhas das actividades realizadas nas edicións anteriores do Campus.