Comeza unha nova edición de Xuvenciencia, centrada na loita contra o 'ciberbullying'

Inauguración de Xuvenciencia, este luns en Lugo © USC

A sétima edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia botou a andar este luns en Lugo. Un total de 150 alumnos e alumnas preuniversitarios poderán tomar parte en obradoiros e proxectos científico-técnicos nos que coñecer de primeira man a oferta formativa e as liñas de investigación do campus lucense da USC. O obxectivo é spertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia a través dun ameno programa de aprendizaxe e convivencia.

A iniciativa educativa do Campus Terra está centrado este ano contra o ciberbullying, a través da actividade ‘Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying’, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se tratará !como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en fenómenos coma o acoso virtual". Neste obradoiro aprenderase a combater o ciberbullying coas súas propias armas, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.

Ademais, o proxecto ‘Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica’ permitirá ao alumnado participante experimentar como traballa un investigador dedicado ao estudo do ADN. Este proxecto conta coa colaboración colaboración do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC.

Asistentes á inauguración de Xuvenciencia © USC

Os rapaces e rapazas participantes poderán realizar talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus. E, así mesmo, poderán realizar visitas ás distintas facultades, laboratorios de investigación e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, Finsa, CETAL).

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.

Na inauguración deste luns participaron a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial, Pilar García Porto; e a secretaria territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro Castro.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na inauguración de Xuvenciencia © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.