Regar en tempos de crise climática. Auga para poder comer cando pode acabar faltando auga para beber. Case unha vintena de universidades traballan dende o proxecto I-ReWater xunto con diversos centros de investigación e entidades públicas e privadas á procura de solucións. Neste marco, sufragado por algo máis de 2 millóns de euros de fondos europeos, encádrase o proxecto que, liderado dende o Campus de Lugo da Universidade de Santiago, estuda a viabilidade do rego de cultivos con auga procedente de depuradoras, a auga rexenerada.
Encadrado no proxecto europeo I-Rewater, o estudo liderado dende o Campus Terra analiza o efecto da "auga rexenerada" na rega de oliveiras, viñedos, lúpulo, tomate ou leituga
O grupo de Proxectos e Planificación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPS) do Campus Terra encabeza o programa Xestión sostible de recursos hídricos na agricultura de rega no espazo SUDOE -que abrangue dende a Península Ibérica ata o sur de Francia-. Co profesor Javier Cancela á fronte, analizan os efectos desta "auga rexenerada" na rega de cultivos como oliveira, viñedo, lúpulo e amendoeira. Tamén o seu uso na horta con tomates e leitugas.
Quince accións piloto noutros tantos emprazamentos -entre eles, Abegondo- do devandito territorio realizarán estas probas ata 2026, segundo o exposto nunha reunión científica celebrada esta semana no campus lucense. Explican dende a USC que o obxectivo é "mellorar a xestión dos recursos hídricos na agricultura" reaproveitando esa "auga urbana rexenerada" e atendendo ao seu "bo emprego no actual contexto de cambio climático". Porque cómpre ter en conta, enfatizan, que "a agricultura consume máis da metade da auga doce dispoñible".
"Pode aforrar un 10% dos recursos hídricos consumidos na actualidade" , explica o investigador Javier Cancela
A tese que sosteñen os promotores desta investigación é que empregar auga procedente de depuradoras e convenientemente tratada permitirá "reducir extraccións de hábitats naturais", dende ríos a acuíferos e "contribuír a mitigar os problemas de escaseza" de auga "sen minguar a calidade dos cultivos". Ademais, agregan, "mesmo reducirá a necesidade doutros insumos" como determinados abonos, xa que "a auga procedente de depuradoras está enriquecida con nitróxeno ou fósforo, ademais doutros compoñentes con propiedades fertilizantes", explica o profesor Cancela.
Para estudar os efectos da auga rexenerada nos cultivos, nos devanditos ensaios o proxecto incorpora sensores "en todos os sistemas de rega" a "nivel de chan e planta". Estes dispositivos sinalan "en tempo real" datos como "condicións climáticas, temperatura, cantidade de auga ou nutrientes" e, nalgúns casos, compleméntanse co emprego de cámaras térmicas ou drons.
Calculan dende a EPS que este aproveitamento de auga rexenerada "pode aforrar un 10% dos recursos hídricos consumidos na actualidade" nun contexto no que apenas se aproveita apenas o 2,4% das augas residuais tratadas en Europa. "Ao tempo, reduciríase a degradación ambiental e permitiría avanzar cara a un continente climaticamente neutro".