A primeira matrícula no campus de Lugo terá desconto do 50% por cuarto ano en dez titulacións

Presentación da campaña 'Para estudar, Lugo' © Deputación de Lugo

'Para estudar, Lugo' por cuarto ano consecutivo. O programa de captación de estudantado do campus lucense da Universidade de Santiago, o Campus Terra, incrementou case en dez puntos a ocupación das súas aulas -ata o 71%- e nas dez titulacións ás que atinxe o alumnado medrou un 9%. É por iso que o plan, que a USC financia con 350.000 euros en bolsas da Deputación de Lugo, vén de inaugurar unha nova edición co mesmo eixo, un 50% de desconto na primeira matrícula desta decena de graos.

Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xestión de PEMES e mais Administración e Dirección de empresas son as titulacións universitarias incluídas no programa. Quen desexen acceder a ela teñen ata o 30 de xuño para facelo e, no caso do estudantado que realiza a selectividade, o prazo comezará o día 19 de xuño.

A presentación da cuarta edición de 'Para estudar, Lugo' chegou na xornada en que, resalta o vicerreitor de coordinación do Campus Terra, Javier Bueno, a institución "recibiu moi boas noticias". "As nosas titulacións, as do Campus Terra, foron referendadas externamente por un dos rankings de maior prestixio como as mellores de España" e "tamén conseguimos que tres facultades -Ciencias, Politécnica e Humanidades" fosen recoñecidas. Este, afirma, é outro motivo para que escoller este campus sexa unha "boa elección".

Os trámites para acceder á bolsa realízanse conxuntamente coa matrícula e están abertos ata finais de xuño

Unha das facultades distinguidas nese ranking é a de Veterinaria, en cuxa primeira promoción se licenciou o actual presidente da institución provincial, Darío Campos. "Síntome orgulloso de formar parte desa primeira promoción da Facultade e de exercer a profesión na nosa provincia" e por iso, afirma, anima en primeira persoa a que o "futuro" da mocidade "pase por Lugo, axudando as familias a que os seus fillos estuden nunha universidade de primeira, con gran prestixio en Europa".

Os trámites para acceder aos descontos realízanse conxuntamente co proceso de matrícula, segundo o proceso que detalla o portal Para estudar, Lugo. A web creada por Universidade e Deputación inclúe, alén de información sobre o programa de bolsas, "información sobre o Campus Terra" e "consellos prácticos para elixir Lugo como destino universitario".

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Estudantes consultando información do Campus Terra antes de participaren na selectividade © Campus Terra USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.