"É preocupante que coñezamos a través dos medios de comunicación a idade e procedencia da vítima, o seu periplo anterior, nacionalidade, como se desprazou ata Galiza, que o fixo presuntamente soa e o seu estado de xestación"
"É preocupante que coñezamos a través dos medios de comunicación non só a idade e procedencia da vítima, senón tamén o seu periplo anterior, a súa nacionalidade, como se desprazou ata Galiza, dende onte e ata onde, que o fixo presuntamente soa e o seu estado de xestación". O BNG vén de dirixirse formalmente á Xunta para, a través de dúas iniciativas, cuestionar o Goberno galego pola "filtración" de datos sobre a acollida dunha vítima de trata no noso país procedente doutra autonomía
A formación soberanista refírese á publicación, cando menos no xornal La Voz de Galicia, dunha información sobre este acollemento que, a xuízo das deputadas Noa Presas e Olalla Rodil e o deputado Iago Tabarés, contén unha "suma de datos" que poñen en perigo á muller". "Facilitan a identificación por parte de persoas da súa contorna e por parte dos seus potenciais agresores e captadores".
Indica o Bloque que "o feito de que Galiza teña a capacidade e a vontade de acoller vítimas doutros teritorios e promover a súa atención e recuperación é algo do que nos temos que parabenizar como sociedade" e "sinal de que o noso sistema de protección, atención e intervención ante as distintas formas de violencia machista" é "unha ferramenta importantísima" con independencia de que precise "melloras". Por iso, sinalan, non cuestionan que se divulgue a existencia desta colaboración.
"Todas as persoas expertas e protocolos insisten na necesidade da confidencialidade nos casos da violencia machista, máis aínda no caso da trata", sinala o Bloque, que agrega que cómpre "parabenizarnos como sociedade" por ter "capacidade e vontade de acoller vítimas doutros territorios"
"Porén, é realmente preocupante o nivel de datos coñecidos a través da prensa". "Todas as persoas expertas e protocolos insisten na necesidade da confidencialidade e da privacidade nos casos de violencia machista", porque, alén "do respecto ás vítimas", a "discreción é clave para a supervivencia". De aí que cumpra, indican, non dar pistas os agresores sobre o seu paradoiro.
"Se isto é preciso en calquera circunstancia de violencia machista, é evidentemente máis necesario no caso da trata", toda vez que existen "redes criminais organizadas" e non un único agresor. "É precisa unha aclaración e investigación sobre esta situación e tamén", agregan, "sobre a veracidade ou non de que esta vítim arelaizou o percorrido presuntamente sen protección policial", segundo transcendeu.
Por todo isto, o BNG formula unha batería de preguntas nas que cuestiona o Goberno sobre se prevé "investigar" se "foron adecuadamente seguidos os protocolos e recomendacións en materia de violencia machista e loita contra a trata" neste caso, así como se ten en marcha pescudas sobre "se as informacións aparecidas na prensa proceden de ámbitos da súa competencia" ou "doutras administracións". Neste sentido, preguntan tamén se prevén "melloras a respecto dos protocolos e garantías de confidencialidade no próximo Plan Galego contra a Trata" e, por último, reclaman coñecer cantas vítimas doutras autonomías foron derivadas a Galicia nos últimos anos.