A Xunta obrigará a que nos aseos públicos de todos os edificios ou locais de nova construción existan cambiadores de bebé nos baños de homes. A medida, adiantada polo Faro de Vigo, enmárcase na Lei de Impulso Demográfico que o Goberno galego presentará nas vindeiras semanas co obxectivo de fomentar a natalidade.
As esixencias serán maiores para os edificios e establecementos de propiedade pública, que deberán contar ademais con salas de lactancia
As esixencias serán maiores para os edificios e establecementos de propiedade pública, que deberán contar ademais con salas de lactancia. Ademais, neste caso a Xunta destaca que impulsará as reformas estruturais necesarias para adaptalos.
O pasado mes de febreiro o Parlamento aprobou unha proposición non de lei para instar o Goberno galego "a promover a instalación nos edificios públicos da súa competencia de cambiadores de bebé en localizacións unisex co fin de que podan utilizarse tanto por parte dos país como das nais". Os grupos da oposición amosáronse de acordo coa proposta do Partido Popular, pero criticaron que non fose máis ambiciosa. Os populares rexeitaron, por exemplo, elaborar un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos centros de traballo.
A medida enmárcase na Lei de Impulso Demográfico que o Goberno galego presentará nas vindeiras semanas co obxectivo de fomentar a natalidade
A Lei de impulso demográfico elevará a texto legal as liñas estratéxicas que hai uns meses acordou por unanimidade o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica. Espérase que a norma inclúa un grande abano de medidas para mellorar a conciliación da vida laboral e da crianza, como a apertura de máis gardarías e escolas infantís, e mesmo a reserva de prazas de aparcamento para aquelas familias con nenos e nenas menores de 12 anos.