Os avances en materia de conciliación e fomento da igualdade entre homes e mulleres van chegando aos poucos, lentamente e de forma limitada. Este mércores falouse de conciliación no Parlamento. Na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego o Partido Popular presentou unha proposición non de lei instando ao Goberno galego "a promover a instalación nos edificios públicos da súa competencia de cambiadores de bebé en localizacións unisex co fin de que podan utilizarse tanto por parte dos país como das nais".
"A corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúe un dos grandes retos do século XXI e un dos ámbitos fundamentais para a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres", dixo a deputada popular
O resto dos grupos apoiaron o contido da iniciativa, que foi aprobada, pero abstivéronse ao non ter en conta o PP as emendas presentadas, que buscaban concretar, enriquecer ou ampliar a proposta. Os populares rexeitaron, por exemplo, elaborar un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos centros de traballo. Ademais, Noela Blanco (PSdeG-PSOE) criticou que o PPdeG cualificase de "pioneira" unha medida que xa foi aprobada noutras comunidades, como Andalucía, e cidades como Madrid. E Paula Verao (En Marea) lembrou que o PP se opuxo en Boiro a que o Concello levase a cabo unha iniciativa semellante, proposta por Boiro Novo.
En Marea demandaba instar ao Goberno galego a elaborar un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos seus centros de traballo "que dea resposta ás necesidades de conciliación entre a vida laboral e familiar das e dos traballadores públicos"
A proposta foi defendida por María Amigo Díaz, que destacou que "na actualidade a conciliación e a xestión de traballo e de tempos é un problema que debe ser resolto tanto por homes como por mulleres e debe ser facilitado polas distintas administracións". "A corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúe un dos grandes retos do século XXI e un dos ámbitos fundamentais para a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres", engadiu a deputada popular. Así mesmo, sinalou que que “os homes entraron no ámbito da xestión doméstica e dos coidados dos menores”, destacando “o papel da paternidade responsable exemplificada no uso de medidas e permisos de conciliación por parte dos homes, que deben ser promovidos e fomentados”.
A pesar destas boas palabras, o Partido Popular non aceptou ningunha das emendas dos grupos da oposición. O PSdeG-PSOE solicitaba que "no caso de edificacións que non conten con locais unisex, nin sexa factible a adaptación dun local específico para tal fin, proceder á instalación dos cambiadores tanto nos aseos de homes como de mulleres" e pedía que a Xunta instase ao Goberno central a facer o propio nos edificios da administración do Estado en Galicia. O BNG instou a que se concretase unha data a para que a Xunta cumpra coa proposta debatida na Comisión.
O Partido Popular rexeitou todas as emendas dos grupos da oposición
Finalmente, En Marea demandaba instar ao Goberno galego a elaborar, en colaboración cos sindicatos máis representativos no ámbito da Xunta, un Plan de Escolas Infantís vinculadas aos seus centros de traballo "que dea resposta ás necesidades de conciliación entre a vida laboral e familiar das e dos traballadores públicos e de todo o persoal de empresas externas que desenvolvan a súa xornada laboral en centros da Xunta de Galicia".
Na súa réplica, Amigo Díaz rexeitou as propostas da oposición, comentando que a emenda presentada por En Marea era "moi loable", pero afastábase do tema que se estaba a debater, recomendando que a presentase noutra iniciativa.